O PP de Redondela denuncia un vertido de augas residuais no tramo urbano do río Maceiras e esixe responsabilidades municipais tras unha sanción de 2.400 euros ao Concello
Redondela, 19 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar un vertido de augas residuais ao río Maceiras en pleno casco urbano tras unha actuación neglixente sobre a rede de saneamento e vai esixir a asunción de responsabilidades por parte do goberno local despois de que se impuxese unha multa económica de 2.400 euros a través de Augas de Galicia por estes feitos.
Os populares veñen de reclamar transparencia e que se ofrezan explicacións públicas por parte do goberno de Digna Rivas para que a cidadanía coñeza en que consistíu o vertido, que cantidade chegou ao leito deste cauce e cales foron os materiais contaminantes que chegaron ao río polo funcionamento ineficiente e unha actuación municipal neglixente nas instalacións municipais de saneamento do Convento de Vilavella.
Segundo explicou a formación liderada por Javier Bas, este vertido é indiscutible e afectou ao río por responsabilidade e culpa do Concello, algo que admitíu o propio goberno local ao aceptar a imposición da sanción de 2.400 euros e ordear o seu pago a través dunha resolución da Alcaldía.
“Está claro que hai unha actuación neglixente do goberno de Digna Rivas na xestión do saneamento e que o goberno local á o responsable deste vertido porque, do contrario, non aceptarían os feitos con suma rapidez, nun xesto que entendemos que é para tapar canto antes a situación, e decretarían o seu pago, pero cremos que os veciños temos dereito e saber o que pasou e que caeu ao río”, manifestou o concelleiro Miguel Álvarez, que tamén lamentou o “ecoloxismo de pacotilla” das forzas de esquerda ante esta situación. Neste senso, indicou que, entre as súas propostas de “papel mollado”, figuraban o remate dos vertidos, a construción dun tanque de tormentas ou o axeitado mantemento dos paseos naturais, entre outros.
Ademais, o edil popular reclamou, máis alá desta circunstancia, o Concello sexa máis eficiente na xestión do saneamento para evitar que se reproduzan estes episodios, que calificou de especialmente preocupante por estar nunha contorna urbana con moito tránsito de xente: “Hai que coidar todo o río, augas arriba e augas abaixo, porque é a súa obriga como representantes públicos e máis cando o problema xurde dunha instalación municipal, pero a ninguén se lle escapa que nesa zona pode ter especiais consecuencias pola presenza de cativos ou mascotas”.
Finalmente, e á espera de que o goberno local emita a información pública correspondente, desde o PP redondelán tamén queren lembrar que as esixencias medioambientais de AER cando estaba na oposición “quedaron no esquecemento agora que está no goberno e que hai vertidos residuais pola súa propia actuación”.