O PP de Redondela denuncia un cambio de crédito para pagar facturas de festas do Concello cos fondos para a pista de atletismo e o proxecto da escola infantil de Chapela
Redondela, 3 de xullo de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar a realización dun cambio de partidas económicas no orzamento a través dunha modificación de crédito destinada a pagar facturas de festas e celebracións organizadas polo Concello cos fondos destinados especificamente para a pista de atletismo e o proxecto da escola infantil de Chapela.
Os populares criticaron esta medida, aprobada por resolución da Alcaldía, na que se desvían 84.328 euros das partidas incluídas nos Orzamentos Municipais 2022, e prorrogados ata a data, para os proxectos para estas dúas actuacións e se reubican no ámbito adicado a festexos, posto que ao goberno local urxíalle pagar facturas pendentes por este importe e tiña dita partida totalmente esgotada.
“As festas son importantes como elemento de identidade e de xeración socioeconómica para Redondela, pero nelas hai que gastar o que se poida sen renunciar a cuestións importantes. Pero o bipartito que padecemos actúa en sentido contrario, estirando a manta dos festexos máis do que lle permite a súa nefasta xestión económica e recurrindo a unha política de ‘pan e circo’ máis propia doutros tempos”, lamentou o voceiro municipal, Javier Bas.
O concelleiro do PP criticou duramente que, deste xeito, se renuncie ou se sigan adiando sine die dous investimentos fundamentais para mellorar os servizos públicos e os equipamentos dos redondeláns. “É inadmisible e propio dun goberno de pandereta”, apostillou.
Por elo, o edil popular demandoulle ao goberno de Digna Rivas que dea explicacións públicas dos motivos polos que, senllas partidas incluídas nos orzamentos de hai tres anos, estaban aínda sen gastar e tamén as súas xustificacións, “inexistentes” a xuízo de Bas, para desviar o diñeiro da pista de atletismo e da escola infantil de Chapela a débedas das festas que organizan desde o Concello
“Gustaríanos que dea a cara ante os deportistas e ante as familias con cativos de Chapela para explicarlles porque os vai deixar tirados novamente. E tamén que informe de cales son as previsións para arrancar con estas dúas instalacións, aínda que, desde o PP, xa nos imaxinamos que non vai ser nunca e que só serán realidade dun goberno do noso partido”, concluíu o voceiro.