O PP de Redondela denuncia que o Concello perdeu 1,2 millóns de euros de fondos Edusi por falta de execución dos proxectos e pídelle a Rivas que “deixe de prexudicar aos veciños”

Redondela, 22 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar publicamente que o Concello perdeu case 1,2 millóns de euros dos fondos europeos para Estratexia de Desenvolvemento Urbano Integrado e Sostible (Edusi) por falta de execución de proxectos e actuacións e califica a situación de “inadmisible” ao reiterarse unha vez máis a falta de capacidade e de xestión da alcaldesa, Digna Rivas, á que lle pide que “deixe de prexudicar aos veciños”.

Os populares revelaron que os representantes do seu partido no Congreso dos Deputados formularon unha pregunta formal sobre estas partidas no Concello de Redondela e o Goberno de España informou que o gasto total subvencionable e validado ascendeu a 4.752.410 euros -en vez dos 6.250.000 euros do proxecto presentado polo goberno local de Javier Bas e aprobado pola UE-, polo que a achega Feder abonada ao municipio ascenderá a 3.801.930 euros en vez dos 5 millóns de euros que lle foron concedidos.

Entre as actuacións que finalmente non foron financiadas pola perda destes cartos figuran o museo, actuación de eficiencia enerxética e mellora do alumeado público, a reforma integral da Praza de Abastos e humanizacións de rúas.

Para o PP redondelán, a situación é dobremente grave, posto que reflicte un problema de xestión de gran calado, “que impide que os veciños se beneficien de importantes investimentos en infraestruturas e servizos pola perda destes cartos”, e, por outra banda, e tamén un novo episodio de “desinformación e mentiras” por parte da rexedora, posto que no seu día emitíu unha nota de prensa na que cifrou a execución dos proxectos europeos en máis de 5,4 millóns de euros, é dicir uns 650.000 euros por riba da realidade.

“Fachendouse de que cumpríu co 87% do programa, pero a verdade, confirmada polos seus compañeiros de partido no Goberno de España, é teimuda e di que só alcanzou o 76% e que deixou polo camiño 1,2 millóns de euros que estaban concedidos a Redondela, pero que os veciños non van ver nunca”, sostivo o voceiro municipal, Javier Bas, que exemplificou esta mala xestión con casos como o de Lalín que, coa mesma axuda europea de 6,25 millóns, executou o 99,44% dos fondos e incluso puxo 2,7 millóns de euros por riba “para seguir axudando aos veciños e impulsando o pobo, que é algo que, por desgraza, non pasa en Redondela”.

“Tras perder 2,4 millóns de euros en axudas só no primeiro ano de mandato e seguir por esta liña durante o seguinte, agora atopámonos con isto. E todo elo escoitando as súas queixas de que non ten cartos, pero a realidade di que os que lle chegan non sabe nin úsalos nun exercicio de absoluta irresponsabilidade. Os veciños xa están cansos de que se deixen pasar tantas e tantas oportunidades, así que o mellor que pode facer é marcharse dunha vez por todas e deixar de facerlle dano a Redondela, porque ademais, e tristemente, non hai maneira de compensar todo o mal que está facendo”, concluíu o concelleiro popular.