O PP de Redondela denuncia os constantes peches da oficina de Rexistro de Chapela e a suspensión do funcionamento do OMIX e da oficina de Consumo

Redondela, 9 de abril de 2026

O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar a existencia de importantes recurtes por parte do goberno de Digna Rivas no funcionamento e apertura de númerosos servizos municipais, xa que revelou que a oficina de rexistro de Chapela sufre constantes peches sen previo aviso que prexudican aos veciños desta localidade e que suspendeuse sine die o funcionamento da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).

Os populares lamentaron as importantes eivas nestes tres servizos municipais e achacaron as mesmas á mala xestión, política de recurtes derivada do errado manexo dos cartos públicos e á desatención aos veciños por parte do executivo. “Cada vez o noso Concello vai a menos pechando departamentos básicos e escapando das necesidades da xente, polo que queremos reclamar a restitución plena de todos estes servizos, así como a potenciación dos restantes que están moi diminuídos, para corrixir dunha vez por todas o declive que sufre a administración baixo a dirección de Digna Rivas”, demandou o voceiro municipal, Javier Bas.

Ao respecto, o concelleiro revelou que a sede municipal de Chapela permanece pechada durante numerosos días e ademais sen previo aviso, o que a obriga aos veciños desta localidade a desprazarse ata o Concello de Redondela, coas conseguintes molestias, para a realización dos seus trámites municipais, moitos deles de carácter básico.

Así mesmo, cómpre sinalar que a máquina de etiquetas de rexistro desta oficina non funciona, dificultando a tramitación de expedientes e solicitudes, e ademais o local sufre inundacións de vertidos fecais desde as obras de remodelación, o que supón un grave problema para o servizo e para as condicións de salubridade de traballadores e usuarios.

Por outra banda, a OMIX e a OMIC, que na web municipal figuran cun horario de 9.00 a 14.00 horas en días laborables, permanecen pechadas “temporalmente”, segundo reza o cartel da instalación, e convídase aos veciños a dirixirse ao Concello para as súas xestións nesta materia. Así, ademais de non estar operativos e carecer de persoal, tampouco se atende aos usuarios a través do teléfono, xa que o da oficina xuvenil non existe mentres que o da dependencia de Consumo, no que só reciben a solicitude e posteriormente se deriva a Vigo para asesoramento, nunca é atendido.

Ante esta situación, o PP redondelán reclama a reapertura inmediata todos os días da semana da sede municipal de Chapela e a dotación dos medios e as obras necesarias para o seu funcionamento axeitado e a posta en marcha da OMIX e da OMIC para das resposta ás cuestión xuvenís e de consumo.