O PP de Redondela denuncia o pésimo estado do paseo da Portela malia o investimento de 48.000 euros este mesmo ano e solicita a súa reparación “real e inmediata”
Redondela, 3 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar o pésimo estado do paseo da Portela, que une o centro urbano con este barrio do concello, e considera que dita situación é especialmente grave porque o goberno local acometeu, este mesmo ano, un investimento de 48.000 euros supostamente orientado á súa reforma integral.
“A xestión de Digna Rivas neste caso volve ser, como tristemente é habitual, totalmente neglixente e irresponsable, posto que ninguén entende que se proceda ao arranxo dunha infraestrutura peonil hai apenas uns meses adicando cartos públicos e non sirva absolutamente para nada, porque este paseo siga estando en pésimas condicións e sen garantir a seguridade dos usuarios”, lamentou o voceiro municipal, Javier Bas, que solicitou ao goberno local que proceda á súa reparación “real a inmediata”.
Neste senso, desde o PP redondelán revelaron que este percorrido peonil, de 1,5 quilómetros de lonxitude á beira da desembocadura do río Alvedosa, presenta na actualidade, e despois do citado investimento, bancos rotos, táboas do paseo fóra de sitio e roídas, maleza de grandes dimensión, postes en malas condicións e pintadas, ao tempo que ofrece unha imaxe totalmente descoidada. Ademais, a situación agrávase porque estas deficiencias apenas están sinalizadas, de xeito totalmente insuficiente, por bandas de plástico.
“Se non fora un tema serio, no que se reitera o abandono ao que teñen sometido a Redondela, ata sería gracioso lembrar que a propia Digna Rivas, cando anunciou esta actuación, salientou que era a súa obriga e responsabilidade manter os espazos públicos en condicións para os veciños. Porque a realidade di o contrario, que non cumpre nunca coas súas obrigas e competencias e, neste caso, engádese a dilapidación de cartos públicos”, manifestou o concelleiro popular.