O PP de Redondela denuncia o incremento da inseguridade cidadá e unha forte alarma da veciñanza pola crecente conflitividade, polo que reclama unha comisaría e máis axentes
Redondela, 18 de novembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar o incremento da inseguridade cidadá e unha forte alarma en diversos puntos do concello pola crecente conflitividade, polo que quere insistir na súa reclamación para a creación dunha comisaría de distrito en Redondela -que foi aprobada por unanimidade do pleno no ano 2019- e a dotación de máis axentes da Policía Nacional.
Os populares revelaron que cada vez están xurdindo máis altercados, ruídos e pelexas nocturnas, prácticas temerarias con motos e outros vehículos en rúas pequenas e calexóns, consumo e tráfico de drogas coa aparición de xiringas e papeliñas na vía pública e incluso venda de estupefacientes xunto a un parque infantil. Ademais, engadiron que todas estas problemáticas estanse a extender, ante a falta de efectivos da Policía Nacional en Redondela, por diversos puntos do municipio, como as rúas Cabo de Fumeiros e Regateiras, a contorna do Viaduto, a Praza de Santiago Apóstolo, a urbanización de Regojo ou diversos barrios de Chapela, entre outros.
“Recibimos cada día máis queixas dos veciños ante o aumento dos problemas de convivencia, a comisión de delictos, as prácticas insalubres ou o incremento da conflitividade e cremos que, antes de que vaia a máis malia que a situación xa é insostible en moitas rúas, é preciso poñerlle couto de xeito urxente e inmediato”, explicou o voceiro municipal, Javier Bas, que indicou que estes problemas comezaron a xurdir no ano 2019 cando se producíu o traslado de efectivos da Policía Nacional a Vigo por orde do Ministerio do Interior.
Xa naquel ano, a plataforma cidadá levou unha moción a pleno contra estes recurtes de efectivos no municipio e a mesma aprobouse co apoio de todos os grupos municipais sendo alcalde Javier Bas. En todo caso, e co cambio no Concello, Digna Rivas comprometeuse a xestionar a recuperación de axentes e a creación dunha terceira comisaría da área Vigo-Redondela no propio concello. “Non fixo absolutamente nada e neste momento o concello está máis abandonado ca nunca en materia de seguridade cidadá, polo que padecemos unha situación de inquedanza na vía pública que debe corrixirse de inmediato”, aseverou o concelleiro popular.
Seis anos de accións do PP
Desde o PP xa comezaron a dar pasos nesta materia hai seis anos co apoio decidido á moción cidadá, pero ao longo de todo este tempo levaron a cabo outras iniciativas, xa que sendo deputado Javier Bas cursou unha solicitude formal da comisaría no ano 2020, en compañía da tamén congresista Ana Vázquez e sindicatos policiais, presentou enmendas ao respecto en varias ocasións aos Orzamentos Xerais do Estado e levou o asunto á comisión de Interior do Congreso, onde foi rexeitado cos votos do PSOE, no ano 2021.
Nos últimos tempos, o PP redondelán segue a traballar neste asunto coa celebración de reunións cos veciños de distintas contornas -a derradeira en Cabo dos Fumeiros- para coñecer a fondo as distintas problemáticas e incluso presentaron unha iniciativa plenaria o pasado mes de outubro, pero anunciaron que van a redobrar os seus esforzos e o emprendemento de novas accións políticas “ante a falta de solucións efectivas” por parte do goberno de Digna Rivas.