O PP de Redondela denuncia “escurantismo e falta de transparencia graves” pola negativa a facilitar a información sobre sete expedientes de proxectos clave para o Concello

Redondela, 16 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar públicamente “o escurantismo e a falta de transparencia graves” por parte do goberno de Digna Rivas pola súa negativa reiterada a facilitarlle información solicitada formalmente por rexistro sobre sete expedientes de proxectos clave para o Concello que queren ser analizados polo partido maioritario da corporación.

Os populares revelaron que estas peticións, que admitiron ser vistas por parte da voceira do executivo, Rita Pérez, pero que sempre teñen o silencio como resposta, datan, nalgúns casos, de hai máis dun ano, polo que consideran que se trata “dunha absoluta falta de respecto institucional” que pretende únicamente dificultar a labor de fiscalización do principal grupo da oposición.

“Esta resistencia reiterada do goberno de Digna Rivas a entregarnos a documentación á que temos dereito cremos que responde sen dúbida a que están intentando agochar irregularidades e anomalías, que é algo que xa temos descuberto en moitos outros proxectos ao longo do presente mandato, e tamén importantes problemas de xestión que vemos como, día si e día tamén, están pagando e sufrindo os redondeláns”, manifestou o vicevoceiro popular, Iván Crespo, que figura como solicitante dos citados expedientes

“Chistorras, soles e leitugas”

“Non sabemos se esta estratexia de ocultarnos a información, que afecta directamente aos veciños, xa que somos os seus lexítimos representantes e temos a obriga de trasladarlles o que sucede no Concello, se enmarca na propia política dos socialistas de agochar e ocultar as cousas, como vemos nos casos Koldo, Ábalos e Cerdán ou de empregar eufemismos tan bonitos como soles, chistorras ou leitugas”, ironizou o concelleiro popular, en referenza aos termos cos que definían os distintos billetes de suposto dinero negro nesta causa de corrupción.

Finalmente, Iván Crespo, que recalcou que a solicitude desta documentación foi reiterada nalgúns casos a través de rogos no pleno, enumerou os expedientes reclamados que non foron entregados ata a data: compra de Villa Elisa, proxecto do paseo de Cesantes, situación do Servizo de Axuda no Fogar, axudas de Igualdade –que levan sen pagar desde o ano 2023–, os datos da derradeira Festa do Choco, o curso da Policía Local sobre entrada en domicilios por casos de violencia de xénero ou o proxecto de reurbanización das rúas Cardesas, Salgueiral e Ernestina Otero.

O concelleiro, que indicou que a situación de opacidade é especialmente grave no departamento de Igualdade que dirixe Iria Vilaboa “para tapar a súa nefasta xestión”, esixíu ao goberno socialista que entregue de inmediato esta documentación e advertíu de que, en caso contrario, o PP seguirá a pedila de xeito insistente e por todas vías políticas, administrativas ou doutra índole.