O PP de Redondela denuncia deficiencias graves na concesión das prazas de conciliación estival pola discriminación entre irmáns dunha mesma familia

Redondela, 20 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar a existencia de deficiencias graves no proceso de concesión das prazas do programa de conciliación estival do Concello, posto que se ten detectado a discriminación entre irmáns dunha mesma familia, co cal o obxectivo do programa consistente en facilitar a vida laboral e persoal queda totalmente desbotado.

Os populares revelaron en concreto o caso dunha familia que ten dúas fillas, a maior con necesidades de apoio quedou excluída das prazas, mentres que a máis cativa recibíu a concesión da mesma para as catro quincenas dos meses de xullo de agosto. Consideran que é unha auténtica anomalía e esixen que se proceda á solución inmediata deste caso, así como a aumentar a contratación de monitores de apoio para atender adecuadamente todo tipo de casuística cos rapaces.

“Se se lle outorga praza a un neno e non se fai o mesmo co seu irmá non existe conciliación posible facilitada pola administración pública para as familias, xa que teñen que recurrir ou ben á empresa privada ou ben a familiares para atender ao cativo excluido”, lamentou o voceiro, Javier Bas, que considera que o goberno bipartito ten “un rotundo suspenso” na xestión do servizo de conciliación e que debe reformulalo para o seu axeitado funcionamento no futuro.

Ao respecto, o concelleiro popular, que lembrou esta iniciativa foi creada polos anteriores executivos do PP, criticou, en primeira instancia, que se suprimise o servizo en Semana Santa, “que é unha época na que moitos redondeláns, polas súas obrigas laborais, precisan desta axuda”. Ademais, tamén lamentou que a conciliación sempre fose gratuíta da man do PP, “posto que entendemos que é un servizo básico de primeira necesidade que temos que ofrecerlles ás familias”, e que a alcaldesa, Digna Rivas, implantase por vez primeira este verán unha taxa de 15 euros por quince aos que deben engadirse 10 euros máis en caso de que asistan á aula matinal entre as 8.00 e as 9.00 horas.

Finalmente, os populares indicaron que a oferta, de 300 prazas distribuídas nas parroquias de Redondela, Chapela, Cesantes, Cedeira, Quinta, Reboreda e Vilar, supón un anacronismo, “xa que non se pode limitar a conciliación a unhas familias si e outras non, ten que ser algo universal e o Concello debe habilitar todas as prazas que sexan necesarias”.