O PP de Redondela denuncia deficiencias graves e atención inadecuada no servizo municipal de conciliación de verán e urxe a adopción de medidas corretoras

Redondela, 5 de agosto de 2025.

O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar a existencia de graves deficiencias e de atención inadecuada no servizo de conciliación de verán organizado polo Concello e urxe a adopción de medidas corretoras inmediatas para que se poida desenvolver axeitadamente nas semanas restantes desta iniciativa.

Os populares revelaron que o servizo de conciliación “está a ser o peor, de longo, dos últimos anos” e que dita situación está a provocar queixas e unha fonda preocupación en moitas familias sen que o goberno local faga absolutamente nada por corrixir o estado do servizo. “Isto é inadmisible porque a conciliación é unha cuestión básica e fundamental, pero aínda é máis grave cando se trata do primeiro ano no que, tristemente, se cobra pola mesmo”, advertiron, tras lembra que este servizo foi creado polos gobernos do PP e sempre foi gratuíto.

Entre as deficiencias detectadas, figuran o incumprimento da ratio de monitores, xa que debe haber un por cada quince cativos, o que provoca unha carga excesiva e de traballo e unha atención inadecuada dos rapaces; a ausencia dunha programación efectiva con actividades preparadas, posto que se lles está a pedir que traian xogos da casa ou se implementan con Intelixencia Artificial; ou a falta de materiais e recursos que impiden o desenvolvemento de actividades educativas e de lecer.

Así mesmo, os populares tamén indicaron que se teñen detectado importantes deficiencias en materia de limpeza, con ata tres semanas sen estas tarefas nos centros educativos e incluso nos cuartos de baño, provocando que os cativos estean en zonas con condicións insalubres; e que existen moitas dúbidas sobre a formación do persoal contratado no que podería derivar nun incumprimento dos pregos de contratación deste servizo.

Por elo, o PP redondelán vén de cursar un rogo ante o pleno da corporación para esixirlle ao goberno local a que proceda de xeito urxente a adoptar as medidas necesarias para que se cumpra o contrato, para que se dote á iniciativa de persoal suficiente e preparado, para que se acometa a limpeza necesaria das instalacións e para que permaneza vixilante de todas estas condicións ata o remate das quendas.