O PP de Redondela denuncia a suciedade e problemas de salubridade nos cascos urbanos pola presenza de ratas e insta ao goberno a axilizar a limpeza
Redondela, 19 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar a suciedade dos cascos urbanos e a existencia de crecentes problemas de salubridade pola presenza de ratas, atraídas polo lixo e o estado xeral de abandono das vilas, e quere instara ao goberno bipartito a que axilice e mellore os traballos de limpeza.
Os populares lamentan que as rúas de Redondela e Chapela estean en malas condicións, ofrecendo unha pésima imaxe pola excesiva suciedade que se acumula nas mesmas e tamén posibles problemas de saúde pública pola presenza de grandes roedores, e achacan dita situación á “deficiente actuación” do executivo municipal tanto no ámbito da limpeza como na retirada axeitada dos residuos. E ademais, apuntaron, a modo de triste comparativa polo deterioro actual destas tarefas, que o Concello de Redondela foi distinguido pola súa limpeza urbana cando Javier Bas estaba na Alcaldía.
O PP redondelán considera que estes feitos, que están a espertar fortes queixas veciñais que lles foron trasladadas aos edís populares por varias comerciantes e que comprobaron in situ, son “de bastante gravidade” porque toda está dinámica derivada da existencia de lixo e suciedade pode xerar posibles focos de infección.
Por elo, o concelleiro Miguel Álvarez, encargado do PP para temas medioambientais, esixíu á alcaldesa Digna Rivas e tamén aos tres concelleiros de Medio Ambiente, de Sostibilidade e de Parques e Xardíns que revirtan de inmediato o deficiente funcionamento actual dos servizos de limpeza e recollida de lixo, “xa que non é de recibo que veciños e comerciantes se atopen con ratas de gran tamaño polas rúas das nosas vilas a plena luz do día”.
Alvárez, que extendeu os problemas de limpeza ás parroquias do rural xa que sofren unha mellorable recollida de residuos, advertíu que dita circunstancia pode deberse ás disfuncionalidades do executivo bipartito e á duplicidade de competencias: “Ás veces atopámonos a Roberto Villar con estes temas, non sabemos se porque segue considerando que leva Medio Ambiente como no mandato anterior, e tamén está Alberto Alvárez, que é o titular da concellería, e incluso Pedro Villaverde, pero a realidade é que un polos outros ninguén atende ao funcionamento correcto deste servizo e quen tiña que organizar ao goberno, que é Digna Rivas, xa demostrou que non ten esa capacidade”.