O PP de Redondela denuncia a situación de abandono e a falta de limpeza dos espazos públicos e das zonas verdes do municipio pola deixadez do goberno local
Redondela, 8 de agosto de 2025.–
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar a grave situación de abandono que sofre o casco urbano como consecuencia directa da falta de limpeza e de mantemento do arborado, especialmente dos plátanos presentes en rúas, prazas e parques do municipio, aínda que extende a presenza de suciedade e o mal estado dos espazos públicos a todo o concello en xeral pola deixadez do goberno local.
Os populares cren que, tras anos de inacción do executivo de Digna Rivas, a situación volveuse insostible, xa que as acumulacións masivas de follas en beirarrúas, sumidoiros, parques infantís e canalizacións non só ofrecen unha imaxe de suciedade xeralizada, senón que tamén afectan á salubridade dos espazos empregados polos redondeláns e supoñen un risco engadido de atascos nos sistemas de recollida de augas pluviais.
A esta falta de mantemento súmase, segundo o PP, a proliferación de pragas, como pulgóns e doutros insectos, que están infectando gravemente as árbores, debilitándoas e xerando molestias constantes á veciñanza, como picaduras ou reaccións alérxicas. As árbores, sen poda nin tratamentos axeitados dende hai anos, convertéronse nun foco de sucidade, pragas e deterioro ambiental, advirten desde o PP
“A situación é alarmante. A deixadez do Concello permitiu que as pragas se apoderasen do arborado urbano e iso non só afecta á saúde dos veciños, senón tamén á durabilidade e estabilidade das propias árbores”, denunciou o vicevoceiro municipal, Iván Crespo.
Neste senso, detallan que as zonas máis afectadas por esta situación son espazos especialmente sensible, como o parque infantil da Alameda, o parque da Xunqueira ou a terraza da churrería, que son lugares de alta afluencia familiar e turística.
Ademais, engaden que o deterioro da Alameda de Castelao é un dos exemplos máis claros deste abandono. Hai uns meses, dúas árbores tiveron que ser taladas pola súa perigosidade e actualmente outras dúas atópanse totalmente secas, polo que tamén deberán ser retiradas ante o evidente risco de caída. A isto hai que sumar o maltrato aos camelios, que foron podados de forma drástica, deixando practicamente só o tronco, nun feito que o PP cualifica de auténtico arboricidio.
“O arborado está enfermo, descoidado e sen tratamento. O perigo é real, pero o goberno local ignórao como se non pasase nada nunha mostra máis da xestión que sofremos cada día”, criticou Crespo.
Por se fose pouco, a Alameda perdeu case a totalidade dos mirtos, uns arbustos ornamentais que antigamente achegaban vistosidade, frescura e cor ao espazo. Hoxe, a súa presenza é case inexistente, sendo esta especie outra vítima máis do abandono sistemático por parte do Concello.
“A Alameda de Castelao pasou de ser un lugar emblemático a converterse nun símbolo do abandono institucional. Nin árbores, nin arbustos, nin limpeza: só deixadez”, engadíu o concelleiro popular.
Por elo, desde o PP local esíxenlle ao goberno bipartito que asuma de inmediato a súa responsabilidade e actúe con urxencia, garantindo un plan integral de poda, limpeza, tratamentos fitosanitarios e recuperación vexetal nas zonas máis afectadas, comezando pola Alameda, os parques infantís e as áreas de maior tránsito.
“Non podemos permitir que Redondela continúe deteriorándose a este ritmo. Esta deixadez ten consecuencias reais para a seguridade, a saúde e a imaxe do noso municipio, polo que esiximos solucións inmediatas”, concluíu o edil.