O PP de Redondela denuncia a implantación de taxas no servizo de conciliación estival por primeira vez e arremete contra o goberno local por “seguir esquilmando aos veciños”
Redondela, 26 de maio de 2025
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar a implantación de taxas no servizo de conciliación estival impulsado polo Concello -conformado polos campamentos de verán e a aula matinal- por primeira vez na historia e arremeteu contra o goberno local por “seguir esquilmando aos veciños sen ningún escrúpulo e coa gravidade de facelo nun servizo básico e fundamental para as familias”.
Os populares lembran que esta iniciativa foi creada polos executivos de Javier Bas para favorecer a vida laboral e persoal dos redondeláns durante o verán e sempre foi gratuíta, polo que expresaron o seu absoluto rexeitamente con este cobro, “xa que ademais está orientado exclusivamente a cargar nos petos da xente a mala xestión económica e as débedas do bipartito”.
O PP concretou que os sete campamentos, a celebrar en Redondela, Chapela, Cesante, Cedeira, Quinta, Reboreda e Vilar durante os meses de xullo e agosto de 9.00 a 14.00 horas, terán un prezo de 15 euros por quincena e neno, mentres que a aula matinal, para acoller aos participantes de 8.00 a 9.00 horas, fixa a súa taxa en 10 euros cada dúas semanas.
“Unha familia que teña dous cativos de etre 3 e 12 anos e precise destes servizos durante os dous meses do verán pagará 200 euros por esta acción de conciliación cando antes non pagaba nada e todo elo co agravante de que, alomenos para o PP, trátase dunha medida é básica e debe ser gratuíta como a educación ou a sanidade”, apostillou o voceiro municipal, Javier Bas.
O PP redondelán engadiu que este servizo foise deteriorando co executivo de Digna Rivas xa en anos anteriores, posto que eliminou as quendas de Semana Santa, e considera que a implantación do cobro “supón un paso máis na política anti-veciñal de mentiras dunha alcaldesa que di defender o feminismo e a conciliación, pero que na realidade goberna sen piedade contra as familias”.
Finalmente, os populares sinalaron que o executivo socialista está a converter Redondela “nun inferno fiscal cun clima asfixiante e irrespirable para as economías domésticas”, xa que esta creación dunha nova taxa engádese á recente suba media dun 165% na taxa do lixo.