O PP de Redondela denuncia a desprotección da Alameda durante o Entroido de Verán e esixe transparencia a Digna Rivas sobre os incidentes da festa

Redondela, 27 de agosto de 2026

O grupo municipal do PP de Redondela vén de rebaixar o tono triunfalista do goberno local sobre o Entroido de Verán, xa que percibiron moitas eivas como a desprotección absoluta da Alameda, o conflito coa hostalería pola xestión das barras con empresas foráneas, a falta de limpeza e ademais a desinformación por parte da alcaldesa, Digna Rivas, asegurando que non se producirá ninguna incidente grave co único obxectivo de vender un balance triunfalista na edición previa ás próximas eleccións municipais.

“Toda Redondela se felicita polo éxito colectivo de asistencia ao Entroido de Verán, que é unha das grandes festas que se celebran en Galicia grazas ao esforzo de todos os redondeláns durante moitos anos, pero iso non pode tapar que todo o operativo que depende do Concello deixou moito que desexar e se lle viron as costuras pola súa incapacidade habitual”, manifestaron desde o PP local.

En primeiro lugar, os populares calificaron de “neglixencia” que o goberno local non valase a Alameda como se tiña feito en anos anteriores para evitar destrozos e lamentaron que a actitude duns poucos incívicos afeara este espazo emblemático con pintadas e destrozos.

Nesta liña, indicaron que este desleixo cos xardíns do centro xa é unha tónica habitual no executivo de Digna Rivas, “que ten o noso gran pulmón verde feito un asco durante todo o ano e que non fai nada por protexelo e coidalo como se comprobou unha vez máis nesta festa”, polo que lle reclaman que adopte de inmediato medidas eficientes para devolverlle o seu esplendor.

Por outra banda, o PP redondelán tamén vai solicitar explicacións á alcaldesa sobre o protocolo de seguridade, xa que teñen información de que se puideron agochar incidentes graves durante a festa, polo que queren demandar que se actúe con absoluta transparencia.

“O ano pasado rexistráronse diversas denuncias por agresión e nesta ocasión, segundo diversas fontes contrastadas, tamén houbo cuestións de gravidade, polo que imos esixir que Digna Rivas dea as explicacións pertinentes porque ata momento só temos escurantismo e triunfalismo”, advertiron os populares.