O PP de Redondela critica o “caos” de tráfico da vila con atascos quilométricos en horario de entrada dos colexios e lamenta a falta total de planificación e alternativas do Concello
Redondela, 6 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de criticar o “tremendo caos” de tráfico rexistrado esta mañá na vila con atascos quilométricos no horario de entrada dos colexios ante unha pequena inundación dun dos accesos e responsabilizou de dita situación, que prexudicou a moitos veciños na chegada ao traballo ou aos seus quefaceres diarios, ao goberno de Digna Rivas pola falta total de planificación e alternativas de circulación.
O voceiro municipal, Javier Bas, salientou que a localidade leva alomenos un par de anos cronificando o problema de circulación “cun tráfico cada vez máis denso que fai que os movementos polo casco urbano sexan cada vez máis insufribles e que poida haber colapsos a calquera hora do día” por mor da política indiscriminada de peche de rúas e os recurtes nos carrís dos viais sen que se artellen solucións para os máis de 24.000 vehículos do concello e os que proceden doutros termos.
Así, concretou que as retencións máis frecuentes, ademais de nos principais accesos, prodúcense na chamada estrada do Muro (Porriño-Tui) alcanzando ata o tanaotiro, no centro da vila na contorna da Farola afectando ao vial cara Pazos de Borbén o una baixada cara o Concello e no Scalextric provocando problemas nas nacionais N-550 e N-552.
En todo caso, o concelleiro do PP advertíu de que “o sufrido esta mañá foi esperpéntico, xa que, ante un mínimo problema, estouparon todos os problemas de tráfico que se foron larvando durante estes anos, porque non é admisible que sexa máis difícil entrar na nosa vila que nunha cidade como Vigo”.
“Está moi ben humanizar algunha rúa e adicarlle espazos aos peóns, é algo no que todos podemos estar máis ou menos de acordo máis alá de que a forma de acometelas e seleccionalas deste goberno é bastante errática, pero o casco urbano ten que seguir funcionando paralelamente a estas melloras, polo que hai que planificar o tráfico, non deixalo ao chou ata que rebente todo como hoxe e, o peor de todo, co risco serio de que se volva repetir”, significou o edil popular, que explicou que froito desta situación moitos conductores buscan vías alternativas que non están preparadas para acoller tal volume e que agravan o problema polas súas limitacións de espazo.
Neste senso, o voceiro indicou que o motivo do enorme atasco, aínda que xa se producen retencións de menores dimensións todos os días, foi unha pequena inundación, pero podería xerarse con calquera outra circunstancia considera normal, como unha avaría dun vehículo, un pequeño accidente ou calquera desperfecto nunha rúa. “Esta situación podía producirse en calquera momento, tal e como levamos denunciando hai tempo, polo afogamento urbano ao que teñen sometida a Redondela e a falta de solucións de tráfico”, incidíu o concelleiro, que reclama a adopción de medidas urxentes en materia de mobilidade á alcaldesa ante o risco de que se repitan estes feitos e para recuperar certa fluidez no tránsito de vehículos.
“Dá a sensación de que as cousas en Redondela levan moito tempo facéndose sen pensar, sen mirar as consecuencias e sen ter en conta que o que se fai pode ter uns prexuízos que hai que corrixir anticipadamente. Digna Rivas semella ser a alcaldesa dun concello pequeniño sen tensións urbanísticas, de tráfico ou doutra índole en vez de dirixir o cuarto municipio da provincia con preto de 30.000 habitantes, polo que todo isto lle queda moi grande”, concluíu Javier Bas, antes de valorar positivamente a implicación da Policía Local nestas situacións para desconxestionar nos momentos de maior tráfico para minimizar o colapso viario.