O PP de Redondela consegue redefinir en pleno o “cativo proxecto” do Museo Ángel Barros para integralo nun gran Espazo Cultural e Xuvenil “acorde ao cuarto concello da provincia”

Redondela, 27 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP de Redondela conseguíu, no pleno celebrado onte, o primeiro chanzo para a redefinición do “cativo proxecto” do Museo Ángel Barros impulsado polo goberno de Digna Rivas tras ser rexeitada pola maioría da corporación -13 votos dos populares e do BNG fronte aos 8 do bipartito en minoría- a modificación de crédito necesaria para financiar esta actuación, que ascendía a 1,1 millóns de euros.

O voceiro municipal, Javier Bas, deixou claro que Redondela se merece un “potente continente de cultura, arte, formación, xuventude e asociacionismo” e, por suposto, unha permanente homenaxe á “imprescindible figura” de Ángel Barros, pero considera que a proposta do bipartito é “insuficiente e ridícula e está moi alonxada do que precisa, demanda e necesita o noso pobo”. Por iso, amosou a súa satisfacción por conseguir a paralización desta iniciativa e avogou pola construción dun gran Espazo Cultural e Xuvenil “acorde ao que somos, que é o cuarto concello da provincia”.

Para o concelleiro do PP, o proxecto do goberno socialista, con so 740 m2 aquilatados en tres plantas e o investimento de 1,1 millóns de euros “son máis propios dun pequeno concello de menos de 5.000 habitantes, porque esas son as cifras dos centros culturais que se fan nesas vilas, que de Redondela”. Ademais, indicou que os populares actuaron coa “máxima responsabilidade e cun ánimo construtivo”, posto que a proposta museística excluía o necesario e demandado gran auditorio e cercenaba por completo o uso futuro dos terreos na contorna das Casas dos Mestres e da Marisma.

O edil popular engadíu que a iniciativa gubernamental “limita totalmente o potencial cultural” do municipio e considera que iso débesa á “escasa ambición e inexistente política nesta área” por parte do executivo de Rivas, “que presentou esta cuestión a quince meses das eleccións só para tentar aparentar que cumpre coa cultura cando, en realidade, este proxecto representa en si mesmo un desprezo á cultura, ás artes, á xuventude e aos movementos asociativos de Redondela”

Javier Bas lembrou que hai case catro anos e medios o pleno aprobou por unanimidade a construción dun espazo cultural na honra de Ángel Barros, “pero desde logo non falabamos deste galpón” e salientou que, durante todo este tempo, o goberno non fixo nada e incluso perdeu 500.000 euros de fondos europeos para a sua construción pola súa “habitual pésima xestión”.

“Consideramos un erro absoluto que se ocuparan, erradamente, os terreos que terán que que acoller o gran Espazo Cultural e Xuvenil do futuro, que incluirá o conservatorio, a biblioteca, a Casa de Xuventude, os locais das asociacións, un gran auditorio modular, que consideramos prioritario, e salas de exposicións. Redondela é un referente cultural en Galicia e cremos que hai que pensar en base a isto e ao concello grande que somos e por iso os veciños poden estar tranquilos porque, cun goberno do PP, teremos un edificio sociocultural do que Redondela se sentirá orgullosa”, concluíu o voceiro popular.