O PP de Redondela consegue a reprobación plenaria de Digna Rivas pola contratación ilegal dunha asesora do BNG a cambio da alcaldía e pide a súa dimisión

Redondela, 27 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela conseguíu onte á noite que a maioría do pleno da corporación aprobase a reprobación da rexedora, Digna Rivas, con motivo da moción na que solicitaban este reproche político público como consecuencia da contratación ilegal -segundo sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia- que fixo dunha asesora do BNG a cambio da Alcaldía e do goberno local. Por elo, os populares, que sacaron adiante a reprobación cos seus 10 votos, a abstención dos 3 edís do BNG e o rexeitamento dos 8 do PSOE e AER, reclaman a súa dimisión inmediata.

“Unha alcaldesa cun nefasto balance de xestión coñecido e recoñecido pola inmensa maioría dos redondeláns, cun goberno moi feble e en absoluta minoría, que conseguíu a Alcaldía a cambio dunha contratación ilegal para o Bloque e que ademais, en menos de dous meses, perdeu a confianza da maioría da corporación na cuestión así elevada para os orzamentos 2025 e que agora foi reprobada por esta cacicada, pois está claro que é o gran e principal problema de Redondela e considerámola deslexitimada”, sinalaron os populares tras a sesión.

Ademais, o PP recalcou que a reprobación saiu adiante grazas á abstención do BNG que, “nun exercicio de surrealismo”, reprochou á figura da alcaldesa “por aceptar unha condición imposta por eles mesmos que era a contratación ilegal dunha persoa de confianza”. “O Bloque é o auténtico responsable disto porque investíu a Rivas sabendo da súa incapacidade e malia que perdeu as eleccións, só para que non gobernara o PP, e agora está a facer un auténtico papelón que supera con creces a denominación literal de ridículo espantoso”, indicaron.

En calquer caso, o PP insiste en que a contratación ilegal desta asesora nacionalista que aupou a Digna Rivas á Alcaldía causou un prexuízo económico ao Concello e ao diñeiro de todos os redondeláns, cifrado exactamente en 29.995 euros de salarios máis as costas xudiciais, e anunciou que seguirá loitando porque se devolvan ás arcas municipais “aínda que xa o debía facer a propia alcaldesa se tivera un mínimo de ética e decencia política”.

REC aprazado para o pago de facturas pendentes

Por outra banda, o PP confirmou que a alcaldesa adiou o debate e posible aprobación do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) para pagar facturas pendentes por 192.000 euros e quedou en manter un encontro co BNG para tratar de acadar o seu apoio. “Se fose tan importante e urxente tería que mantelo na orde do día ou, mellor aínda, negociar previamente cos nacionalistas e non facer as cousas polas bravas porque retirouno por non ter os votos, pero o tema ten mal encaixe porque son gastos comprometidos ilegal e irregularmente e indebidamente adquiridos, como di o demoledor informe de Intervención”, aseveraron.

Finalmente, e respecto ao malestar de Rivas polas críticas ao citado REC, os populares recalcaron que non pensan rectificar “nin unha coma”, xa que todas as irregularidades das facturas e dos contratos “son sostidas non polo PP, senón por Intervención, nós simplemente nos limitamos a facelas públicas para que os redondeláns saiban en mans de quen están os seus cartos”.

“Se lles molestaron as nosas afirmacións, que saiba que seguen en pé e, se como ela di son inxurias, xa sabe onde está o xulgado”, indicaron os populares de Redondela que ironizaron con que a alcaldesa “debía empezar a empregar palabras como lodo, fango, barro e bulo porque se lle está poñendo cara de Pedro Sánchez”.