O PP de Redondela celebra mañá o seu Tardeo de Fin de Verán para activar a “panca do cambio” nas municipais de maio

Redondela, 10 de setembro de 2026

O PP de Redondela vai celebrar mañá a segunda edición do seu Tarde de Fin de Verán, que xa se celebrou con moito éxito o pasado ano, e que está concebido para activar a “panca do cambio” nas eleccións municipais de maio.

“Este encontro é moi importante para o futuro de Redondela, porque nel arranca un curso político decisivo para o cambio urxente, necesario e histórico que precisa o noso pobo, porque Redondela non pode seguir así, con este clima de deterioro. E é importante que os veciños participen porque o cambio está exclusivamente nas súas mans, a decisión correspóndelle a eles e queremos que outorguen a súa confianza maioritaria ao proxecto serio e ambicioso do PP”, manifestou a secretaria xeral do PP local, Susana Cabaleiro.

En todo caso, os populares xa teñen confirmada a presenza de centos de persoas no Pazo de Petán desde as 18.30 horas para asistir a un acto que contará coa presentación a cargo da propia Susana Cabaleiro e as intervencións do voceiro municipal, Javier Bas, e do presidente provincial do PP e da Deputación de Pontevedra, Luis López, para posteriormente compartir un viño galego e un momento de contacto social e conversas.

Durante este Tardeo de Fin de Verán, o PP de Redondela, malia o formato distendido, vai expoñer o enorme traballo de oposición, fiscalización e propostas realizado ao longo dos máis de tres anos de mandato, a consecución de investimentos para o concello malia non ter a responsabilidade de goberno e a presentación das súas primeiras propostas para executar no mandato 2027-2031 e que están orientadas a “darlle a volta ao noso municipio como un calcetín”.

“Quedan 255 días para as eleccións municipais, apenas un sopro, aínda que ao bipartito de Digna Rivas o mandato estáselle facendo moi longo, pero máis aos veciños que sufren cada día unha desatención e unha xestión inaceptable no cuarto concello da provincia, polo que agardamos con moito ilusión o día de mañá, porque é o día no que arranca o cambio”, concluiu Cabaleiro.