O PP de Redondela califica o plan de mellora de 68 camiños unha “confesión de culpabilidade” de Digna Rivas tras abandonar de xeito vergoñento ás parroquias durante sete anos
Redondela, 24 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Redondela anunciou na xornada de hoxe o seu voto favorable ao plan de mellora de 68 camiños en 13 parroquias por importe de 2,7 millóns de euros que se levará ao pleno do próximo xoves, co cal se garante a súa aprobación ao ser o grupo maioritario da corporación e a situación de minoría do bipartito, que precisa de apoios para sacalo adiante. Pero en todo caso, os populares calificaron este proxecto de “confesión de culpabilidade” da alcaldesa, Digna Rivas, tras abandonar de xeito vergoñento ás parroquias durante os últimos sete anos.
“Imos apoiar esta actuación por coherencia e responsabilidade, xa que levámola reclamando, da man dos veciños das parroquias, durante todo este tempo. Pero cremos que isto chega moi tarde e a contía é totalmente insuficiente, xa que tras sete anos sen investimentos os camiños do nosos rural están en moi malas condicións, polo que, dado o importe, nalgúns casos danos a impresión de que só van facer un parcheo”, manifestou o voceiro municipal, Javier Bas, que tamén anunciou que o PP permanecerá moi vixilante para o cumprimento dos prazos e da execución desta mellora pola “falta de confianza” no goberno, ao que acusou de non quere apostar por esta actuación e facelo obrigado.
Para o concelleiro popular, este proxecto de 2,7 millóns de euros supón un “recoñecemento implícito” de que durante estes dous mandatos, pero especialmente nos 32 meses do actual, o goberno “non fixo os deberes, como levamos denunciando, e non cumpríu coas obrigas dos máis de 13.000 veciños que viven no rural de Redondela”.
Neste senso, engadíu que outros dos proxectos que van ao pleno desta semana, consistentes na humanización dun espazo público na contorna do CEIP de Porto Cabeiro, en Vilar de Infesta, e a renovación integral do campo de fútbol da Gándara, na parroquia do Viso e onde xoga o Cesantes “tamén chegan moi tarde e responden exclusivamente á presión exercida durante todo este tempo polos veciños e polo PP e ao pavor electoral dos socialistas, que anuncian para o último ano o que non fixeron en sete e dos que, reiteramos, temos moitas dúbidas”.
Ao respecto, o PP tamén garantíu que estas dúas actuacións sairán aprobadas posto que contarán co seu voto favorable, malia que, no caso do campo de fútbol, considera que se produce despilfarro de diñeiro público pola mala xestión no mantemento, xa que se van destinar 470.000 euros a un recinto que se beneficiou dunha renovación integral hai menos de cinco anos.
Finalmente, Javier Bas criticou o “errático e desorganizado” funcionamento do goberno de Digna Rivas e a mala xestión e falta de planificación, xa que a acumulación destas iniciativas vai provocar unha carga administrativa que vai dificultar o cumprimento dos prazos en caso de que finalmente se acometan estas actuacións, e ademais acusou á alcaldesa de anunciar estes investimentos “non por convencemento, senón simplemente por medo a perder a cadeira, pero os redondeláns son intelixentes e todos nos coñecemos”.