O PP de Redondela arremete contra a falta de mantemento e o abandono do Concello cos colexios públicos e acusa a Digna Rivas de fuxir das súas competencias

Redondela, 16 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Redondela vén de arremeter contra o goberno de Digna Rivas pola falta de mantemento e o absoluto abandono nos colexios públicos malia ter as competencias específicas nesta materia e acusa á alcaldesa de fuxir novamente das súas responsabilidades deixando tirados aos milleiros de cativos, profesores e resto de persoal que conforman a ampla comunidade educativa.

Os populares concretaron que os problemas derivados da falta de xestión municipal multiplicáronse neste inicio de curso en Redondela e agravaron unha pésima situación que vén de anos atrás, xa que recordaron que non existe un plan de mantemento e conservación dos centros e non se executan obras para que estean en condicións; hai retrasos e impagos nas axudas do comedor escolar, que non se resolven ata despois do inicio de curso coas conseguintes molestias ás familias; o Consello Escolar Municipal leva catro anos sen convocarse malia ser un órgano de coordinación fundamental; houbo un pasotismo absoluto no tema do transporte escolar malia a solicitude de colaboración das Anpas; e non se atenden as demandas básicas dos colexios.

Ante esta situación, o PP redondelán comparte plenamente o clamor das asociacións de nais e pais pola deixadez de funcións municipal, que chegaron a denunciar “a falta de implicación municipal cos centros” e cuestionou explícitamente á súa falta de apoio neste comezo de curso “por non resolver cuestións básicas que son da súa competencia”.

Neste senso, os populares, a través do seu vicevoceiro, Iván Crespo, indicaron que esta actitude de Digna Rivas e do seu goberno “contrasta enormemente” coa mantida pola Xunta de Galicia que, ademais de ir facendo progresivamente millonarios investimentos nos centros, escoita e atende ás demandas das comunidades educativas cando hai algunha necesidade, como foi o caso do necesario reforzo do profesorado de Artes no IES Pedro Floriani

Ademais, o concelleiro popular tamén enumerou outros casos, como o do CEIP Quintela, que está a reclamar ao Concello incesantemente a mellora da seguridade dos accesos e a creación dun espazo cuberto, ou do CEIP Laredo, que tras oito anos sen un mínimo mantemento municipal acabou xerando un problema estrutural na cuberta que terá que ser resolto pola Xunta.

“Durante oito anos a alcaldesa desentendeuse por completo dos colexios públicos malia que ten responsabilidades legais e propias nos mesmos, pero o deste inicio de curso foi de traca, cun absoluto malestar en todas as Anpas que ademais fixérono público, xa que ela non entende o ensino como un dereito, senón como un elemento de confrontación coa Xunta co único propósito de tapar a súa incapacidade e abandono con estes centros. É moi triste, pero agardamos que no vindeiro curso 2027/2028 esta situación non se reproduza cun goberno local do PP que si está comprometido cos colexios”, concluiu Iván Crespo.