O PP de Redondela aprobará os Orzamentos Municipais 2025 se a alcaldesa e o goberno local dimiten e se celebra un novo pleno de investidura
Redondela, 24 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de ofrecer o seu voto favorable aos Orzamentos Municipais 2025, que se debatirán e votarán no pleno desta noite, se a alcaldesa Digna Rivas presenta a súa dimisión antes da sesión da corporación e posteriormente se produce a renuncia de todo o goberno local para a celebración dun posterior pleno de investidura.
“A alcaldesa chamou á responsabilidade para aprobar as contas e nós collemos o testemuño aínda que ese proxecto económico é moi diferente ao que faríamos nós, xa que cremos que Redondela precisa doutros orzamentos. Pero estamos dispostos a facer ese esforzo, pero a cambio tamén apelamos á responsabilidade dun executivo municipal que non funciona para que a corporación teña a oportunidade de elixir a un goberno máis forte e menos errático para rematar os dous anos de mandato”, ofertou o voceiro municipal, Javier Bas.
“Cremos que os orzamentos presentados son malos é que só serven para actualizar as cifras, pero tamén cremos que o bipartito é malo. Entón, estamos dispostos a aceptar esas contas se, a cambio, o pleno ten a oportunidade de cambiar a un goberno malo”, engadiu o concelleiro popular.
Javier Bas tamén considerou que o novo pleno de investidura sería “moi útil”, posto que serviría para saber cal é a posición do BNG, “xa que quere semellar que fai de oposición con fortes críticas ao goberno municipal, pero na realidade, mentres non se demostre o contrario, sempre o acaba apoiando, polo que, un novo pleno de investidura fixaría a súa postura real e os veciños deixarían de sufrir a súa incertidume e os seus xogos de trileiros”.
Ademais, para o PP redondelán a dimisión da alcaldesa e do goberno local “non tería porque poñer en perigo un goberno das forzas de esquerdas se realmente están unidos e o Bloque volve darlles o seu voto, co cal se acabarían todas estas leas e poderían centrarse nos veciños”. “En caso contrario, se non hai acordo entre eles, habería un goberno do PP moito máis forte que o actual, xa que tería dez votos fronte aos oito do actual bipartito”, apostillou o voceiro popular, que cre que a Digna Rivas e ao PSOE “convenlles esta oferta, posto que aprobarían os orzamentos e deixarían de sufrir as ameazas e chantaxes do BNG”.
Finalmente, Javier Bas deixou claro que o obxectivo último e irrenunciable do PP é que Digna Rivas deixe de ser alcaldesa, “xa que é a única responsable da pésima xestión económica, da nula atención veciñal e da falta de proxectos, investimentos e equipamentos” para o cuarto concello da provincia, polo que os populares non aceptarán en ningún caso a proposta dunha cuestión de confianza, “xa que é unha ferramenta que empregan os matrimonios mal avenidos de PSOE e BNG para aprobar uns orzamentos e seguir aumentando a desconfianza entre eles”.