O PP de Redondela apoia a totalidade das demandas dos veciños da Portela ante as deficiencias da ponte de Adif e lamenta o engano de Digna Rivas sobre o proxecto

Redondela, 29 de abril de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de anunciar o seu apoio absoluto á totalidade das demandas dos veciños da Portela, na parroquia de Cedeira, ante as graves deficiencias detectadas nas obras da ponte de Adif sobre a vía ferroviaria e lamenta o enquistamento desta situación tras o engano de Digna Rivas sobre o proxecto.

Os populares comparten plenamente as queixas dos afectados, que levan moitos meses revindicando unha solución, xa que esta infraestrutura de paso ten importantes deficiencias e recurtes derivados das supostas obras de mellora e confirmaron que se posicionarán a favor das súas reclamacións no pleno ordinario de mañá para esixir que se atendan de xeito urxente.

Neste senso, cómpre sinalar que as obras desta ponte provocaron a redución da calzada de 5,5 a 4 metros, o que impide a circulación simultánea de vehículos, dificulta a circulación dos vehículos de emerxencia e non optimiza un espazo que conta con máis de 8 metros de plataforma. Ademais, existen problemas importantes coas beirarrúas e a conexión deste barrio queda dun xeito totalmente precario e ineficiente.

O voceiro municipal do PP, Javier Bas, calificou esta actuación de “inaudita”, posto que o proxecto estase a executar tal e como estaba concebido e ocultóuselle aos veciños, polo que se trata dunha obra que “deixa a ponte peor do que estaba, polo que, para iso, era mellor non malgastar os cartos públicos.

Ademais, o concelleiro popular lembrou que os problemas xurdiron desde o inicio da obra, tal e como está a denunciar o PP desde hai tempo -a derradeira vez hai dúas semanas-, e agrávanse a medida que se rexistra algún avance ante o pasotismo e o incumprimento da alcaldesa que, tras enganar á veciñanza, volveu a incurrir nas súas falsas promesas de que vai xestionar unha nova solución co Executivo central.

“Tristemente estamos ante unha situación que se leva repetindo moito tempo en Redondela, que é o típico caso no que o Goberno de España castiga ao noso concello cun proxecto cativo e cheo de recurtes, tal e como fai reiteradamente coa AP-9, o tren ou as estradas nacionais, e a alcaldesa, tras mentirlle á xente, amosa a súa febleza política ante os seus compañeiros en Madrid e paralelamente denota un pasotismo total cos problemas da nosa xente”, concluíu Javier Bas.