O PP de Redondela anuncia que votará contra a confianza da alcaldesa por “responsabilidade” cos veciños e apela a BNG e AER para acabar co “pesadelo de Digna Rivas”
Redondela, 2 de maio de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de anunciar que vai votar contra a cuestión de confianza presentada pola alcaldesa, que se debatirá nun pleno extraordinario o próximo luns, por “absoluta responsabilidade” cos veciños, “que non se merecen a desfeita que padecen desde o ano 2019”, e apelou aos representantes de BNG e AER a que fagan o mesmo para acabar co “pesadelo de Digna Rivas”.
“O pobo de Redondela está ante unha oportunidade histórica para pasar páxina e deixar atrás esta triste etapa, rematando con seis anos dun desastre absoluto protagonizados pola xestión incapaz e ineficaz de Digna Rivas. A inmensa maioría dos veciños non queren a esta alcaldesa e a este errático goberno local, e os demais grupos políticos da corporación sábeno perfectamente, polo que teñen que decidir, principalmente o Bloque, se vota a favor dos redondeláns ou se acovarda e fai o que lle di Ana Pontón desde Santiago”, advertiu o voceiro, Javier Bas.
Neste senso, tamén apelaron ao partido independente AER, que forma parte do goberno bipartito, pero que, no pasado pleno, admitíu que o rumbo de Redondela era inaxeitado posto que era necesaria unha estabilidade política e económica, “que sabe perfectamente que vai ser máis fácil co PP, con dez votos fronte aos oito do actual executivo, e que tamén sabe que non se vai conseguir con Digna Rivas, á que dixeron que non farían alcaldesa en ningún caso malia que logo se desdiciron a cambio dun pacto asinado ante notario que se incumpre rotundamente”.
Os populares consideran imprescindible, como primeiro paso para mudar o rumbo do Concello de Redondela, que todos os grupos municipais voten en conciencia para que se lle retire a confianza a alcaldesa e poida emprenderse un “necesario cambio de goberno”. “A alcaldesa hai moito tempo que non ten a confianza da veciñanza, polo que creo que os grupos políticos que representamos aos redondeláns debemos plasmalo no pleno”, apostillou o concelleiro popular, antes de engadir que este paso “loxicamente logo debe ter continuidade, porque non vale de nada un vota contra a alcaldesa o próximo luns de cara a galería se logo, de facto, se vai seguir apoiando a súa continuidade”.
Javier Bas tamén se referíu ao proxecto de Orzamentos Municipais 2025 elaborado pola alcaldesa e o grupo socialista e que é o que sustenta esta cuestión de confianza tras ser rexeitados pola maioría do pleno a semana pasada. “As contas son moi malas, pésimas, porque xurden dunha xestión económica moi deficitaria, pero son só a punta do iceberg da política de Digna Rivas, que se caracterizou estes seis anos pola constante perda de subvencións e axudas por contías millonarias, as subas desbocadas de impostos, como pasou agora co lixo, a falta de investimentos estratéxicos, as peonalizacións fallidas que enfrontan aos veciños, as débedas desorbitadas, a ausencia de equipamentos e infraestruturas básicas nas vilas de Redondela e Chapela ou o abandono total e constante das parroquias”, sinalou.
Finalmente, o voceiro municipal lembrou que Digna Rivas non foi elixida polos cidadáns “como presume insistentemente deixando clara a carencia e inseguridade que sente na súa propia lexitimidade, senón que foi escollida por un agochado pacto de despachos con BNG e AER a cambio de postos, cargos e soldos, que é algo que saben todos os veciños, que apostaron masivamente nas eleccións municipais polo Partido Popular con 2.000 votos máis que ao PSOE”.