O PP de Redondela advirte do aumento do desgoberno e da ineficacia do executivo de Digna Rivas tras a perda do apoio do BNG

Redondela, 3 de xaneiro de 2025.- O grupo municipal do PP de Redondela vén de advertir de que a ruptura do BNG e o cese do seu apoio ao goberno de Digna Rivas vai producir un aumento do sue “forte desgoberno e da súa probada ineficacia” que provocará moitas complicacións e prexuízos para os veciños nos dous anos e medio que restan de mandato ata 2027.
Os populares consideran que a falta de respaldo por parte do Bloque ao bipartito PSOE-AER coloca ao Concello “nunha situación de debilidade extrema”, porque lembra que xa era moi complicado que saísen adiante proxectos estratéxicos e unha atención axeitada aos redondeláns coa unidade das forzas de esquerda, “polo que agora a situación vai empeorar irremediablemente”.
Por elo, o PP redondelán considera que a alcaldesa debería someterse, por decencia e ética democrática, a unha cuestión de confianza, xa que perdeu o apoio da corporación e da representatividade dos veciños. “Agás que se queira aferrar ao cargo aínda que non lle importe facer nada de proveito para o pobo, que é o que nos tememos, tiña que ser valente e poñer as cartas sobre a mesa no pleno. Porque hai que lembrar que estas cousas son as que pasan, tristemente para a xente, cando chega ao goberno quen perdeu as eleccións e pasa toda a lexislatura cunha posición de absoluta febleza”, sinalan desde o PP.
Os populares replicáronlle á rexedora que o Bloque “non fixo un xiro á dereita, que esa é unha frase feita que non ten nin pés nin cabeza, o que fixo foi un xiro cara o sentido común vindo a desfeita destes 18 meses e que lle dá continuidade á nada máis absoluta da lexislatura anterior”.
En todo caso, para o PP redondelán a intención dos nacionalistas “nin pasa por cambiar as cousas en Redondela para o ben dos veciños, porque esta situación era algo que xa se sabía ao inicio de mandato e non lles doeron prendas en levantar as mans para investir a Digna Rivas, así que son corresponsables e cómplices desta situación e agora, para evitar que lles salpique, fan este paripé polo seu exclusivo interese electoral”.