O PP de Redondela acusa ao goberno de mentir sobre un principio de acordo para mercar Villa Elisa e pídelle “seriedade e transparencia” na operación

Redondela, 26 de agosto de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de acusar ao goberno local de mentir sobre a existencia dun suposto principio de acordo entre o executivo e os populares para mercar Villa Elisa co obxectivo de destinar este histórico inmoble a Biblioteca Municipal, xa que cómpre lembrar que o volume da operación esixe que sexa aprobado no pleno da corporación, no que o PP é a forza maioritaria. Por iso, afeoulle esta actitude e pediulle que rectifique e que actúe con “seriedade e transparencia” nesta operación.

Os populares redondeláns revelaron que simplemente aceptaron reunirse co executivo e estudar a documentación “que é o que temos que facer, posto que somos un partido moi responsable e sempre traballamos a prol dos intereses xerais dos veciños”, pero advertiron de que, en ningún caso, se comprometeron a apoiar a compra, como se informou falsamente desde o goberno local, ata que non estuden e analicen todos os detalles ao longo destes días.

En primeira instancia, o PP local ve como positiva a incorporación de Villa Elisa ao patrimonio municipal, pero por outra banda tamén ten dúbidas polo custe da compra, cifrado en 700.000 euros, aos que habería que engadir outra cantidade importante para a rehabilitación e o acondicionamento.

Ademais, a formación liderada por Javier Bas tamén indicou que esta operación podería poñer en risco outros investimentos moi necesarios, comprometidos ou anunciados, como o pavillón e o proxecto da escola infantil de Chapela, a reforma do conservatorio, a modernización da Praza de Abastos a Avenida Mendiño ou o auditorio, entre outros, dada a mala situación das arcas municipais pola xestión do PSOE. “A compra pode ser interesante, pero ten pros e contras, porque o Concello está moi afogado economicamente e non hai fondos para todo, polo que hai que analizar ben que se prioriza”, sinalaron desde o PP.

Vilavella, precedente contra a fiabilidade de Digna Rivas

Así mesmo, os populares engadiron que esta adquisición pode ter outras atrancos pola “falta de fiabilidade e de capacidade de xestión” da alcaldesa Digna Rivas, xa que lembraron que en 2019 houbo un acordo PP-PSOE –sendo Javier Bas o rexedor– para comprar o convento de Vilavella como espazo institucional, turístico e sociocultural con independencia do resultado das municipais daquel ano e a candidata socialista, que se negou a asinalo, non cumpriu co mesmo en seis anos.

“Perdeuse unha oportunidade única pola exclusiva responsabilidade de Rivas, tal e como admitiron as persoas presentes naquel acordo, así que non vaia ser que agora pase o mesmo, porque a xestión e a negociación non son cualidades da alcaldesa”, indicaron desde o PP.

Finalmente, os populares tamén lle replicaron ao BNG que deixen de mentir sobre unha suposta sintonía PP-PSOE “porque todo o mundo sabe que temos os proxectos máis opostos posible para Redondela” e indicaron que “estas pataletas infantís débense a que non teñen espazo político ningún na vila”. “A única sintonía con Digna Rivas tívoa o BNG cando, moi irresponsablemente, fíxoa alcaldesa cos seus votos malia perder as eleccións sabendo que a xestión ía ser un desastre e que o goberno do PP sería moitísimo mellor”, indicaron, antes de lembrar que a sintonía do Bloque co PSOE segue vixente “posto que perderon a oportunidade de cambiar de goberno no momento da cuestión de confianza hai dous meses e revalidan cada día o seu apoio a Digna Rivas, posto que poden facer, hoxe mesmo, que se acabe con este pésimo executivo local”.