O PP de Redondela acusa a Digna Rivas de “enganar novamente” aos veciños da Portela pola nova ponte de Adif e lembra os seus antecedentes de abandono das parroquias
Redondela, 17 de abril de 2026
O grupo municipal do PP de Redondela vén de acusar á alcaldesa, Digna Rivas, de “enganar novamente” aos veciños da Portela, na parroquia de Cedeira, despois de que estes amosaron as súas queixas e preocupación pola construción da nova ponte sobre a rede ferroviaria por parte de Adif, xa que lembraron os seus constantes antecedentes de abandono das parroquias.
“Hai que ter bastante rostro para ir a calmar aos veciños da Portela con palabras ocas e mentiras sobre o seguimento que vai facer das obras e as peticións que, agora e de súpeto, lle vai facera o Goberno de España, xa que todos lembramos como deixou tirados, tras facer idénticas promesas, á xente polo Campo de Fútbol da Gándara, polas pontes de Trasmañó ou Saxamonde, as pantallas acústicas de Cesantes e polas humanizacións do Salgueiral ou Chapela, onde foi a apaciguar o malestar e prometer melloras que nunca chegaron. A falta de credibilidade á absoluta e demostrable”, manifestou o voceiro municipal, Javier Bas.
Neste senso, os populares redondeláns afirmaron que todas estas actuacións non cumpriron as expectativas da veciñanza mentres a alcaldesa e o goberno socialista se esquecía do seguimento e da adopción das melloras reclamadas malia comprometerse a solucionar os problemas, “polo que semella máis ben unha estratexia orientada a rirse da veciñanza na súa propia cara como único modo de xestión dun goberno incapaz que só xera frustración na xente polas súas promesas incumpridas unha e a outra vez e que afectan especialmente ás parroquias”.
Javier Bas tamén sinaou que o PP comparte totalmente a preocupación dos veciños da Portela pola lentitude das obras da nova ponte, que xa se prolongan desde hai oito meses, e polas molestias que as mesmas lles están a causar polo corte deste punto de paso, co cal están obrigados a dar un rodeo para os seus desprazamentos. Ademais, tamén apoiou as súas demandas para que se acometan melloras na futura infraestrutura, posto que o deseño da que se está a executar esperta moitas dúbidas sobre a súa funcionalidade.