O PP de Pontevedra recoméndalle a Abel Losada “máis diálogo e interlocución” co delegado do Goberno logo de contradicilo na xestión da Xunta durante as emerxencias destes días

Martes, 27 de xaneiro de 2026.-

O PP de Pontevedra recoméndalle ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que tente ter “máis diálogo e interlocución” co delegado do Goberno, o seu xefe, logo de contradicilo na xestión da Xunta nas emerxencias destes días.

Desde o PP de Pontevedra lamentan que, “outra vez máis, se queira facer un uso partidista da Subdelegación nun eido tan grave como é a xestión das emerxencias, no que a Xunta levou a cabo unha actuación á altura das circunstancias”.

En cambio, Abel Losada aproveitou hoxe para criticar a xestión da Xunta de Galicia nesta emerxencia meteorolóxica, practicamente ao mesmo tempo que o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacaba a coordinación existente en base ás predicións que proporcionan os profesionais para acordar alertas como a establecida en Pontevedra.

Na mesma liña, Blanco subliñaba que neste tipo de situacións, onde a climatoloxía é adversa e hai que alertar á poboación, trátase dun “procedemento que é posible grazas á estreita colaboración que mantemos todas as administracións implicadas, como se esta vendo nestas xornadas”. “Así o recollen os propios medios de comunicación pero Abel Losada tivo a desfachatez de reprochar á Xunta a forma de actuar”, lamentan desde o Partido Popular.

“Losada, ou non se entera do que pasa en Galicia, ou non ten relación ningunha co seu xefe, ou dende logo, non ten máis que facer que tentar sacar rédito político a base de declaracións que son completamente intolerables”, sinalan.

Polo que, desde o PP de Pontevedra volven recomendarlle ao señor Losada “que sexa digno do cargo que ocupa e que se poña a traballar en serio, non faltando ao respecto e deixando de facer o ridículo”, apuntando a unhas declaracións de “extrema gravidade”. “Cando hai emerxencias como as que estamos tendo, é o momento de traballar unidos, non de poñer paus nas rodas”, conclúen.