O PP de Pontevedra reclama a Lores transparencia coas revisións da taxa do lixo tras recibir queixas de varios veciños do rural

13 de xaneiro de 2025

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Crespo reclamou transparencia ao Goberno local en relación coas revisións da taxa do lixo que está facendo a administración, e pediu que se fagan públicas as rutas e frecuencias do servizo de recollida.

A edil do PP advertiu da chegada a distintas vivendas do rural de notificacións formais, emitidas polo Concello de Pontevedra, nas que se lles comunica aos propietarios o inicio dun procedemento de comprobación e se propón a retirada da redución do 45 por cento na taxa de recollida do lixo. Estas comunicacións xustifícanse en que, segundo o Concello, non consta que a recollida se realice tres ou menos días á semana nas súas rúas.

Crespo asegurou que “este tipo de comunicacións xeran desconcerto e inseguridade entre os veciños e veciñas, xa que non se identifica con claridade cal é o documento técnico no que se recolle a ruta, o calendario do servizo, parte de recollida ou informe da concesionaria ou do servizo municipal no que se basea a proposta de modificación da taxa”.

A concelleira popular alertou de que “non se pode pretender modificar un padrón tributario empregando fórmulas xenéricas como ‘non consta’ sen achegar probas nin explicar cal é a frecuencia real de recollida que se aplica en cada zona”. Así mesmo, sinalou que “se o Concello dispón de rutas e calendarios de recollida, estes deben ser públicos, accesibles e certificables; e se non existen, entón estaríamos ante un problema aínda máis grave”

Neste sentido, lembrou que a ordenanza municipal establece para as vivendas unha tarifa de 21,93 euros por bimestre e contempla unha redución do 45 por cento cando a recollida se realiza tres ou menos días á semana, polo que calquera revisión da taxa debe estar baseada en datos obxectivos e verificables.

O PP de Pontevedra rexistrará unha solicitude formal de documentación para coñecer as rutas e frecuencias por zonas e parroquias, incluíndo o calendario actualizado e posibles cambios, o criterio e a instrución interna que se está a aplicar para manter ou retirar a redución e o número de expedientes ou notificacións abertas por este motivo, así como o seu impacto previsto.

Os populares instarán ao Goberno local a habilitar un procedemento sinxelo que permita aos veciños e veciñas obter unha certificación oficial da frecuencia de recollida no seu punto, evitando que a cidadanía teña que demostrar circunstancias que dependen exclusivamente dos servizos municipais.