O PP de Pontevedra denuncia na Parda o incumprimento dos acordos plenarios e das promesas electorais do BNG

26 de xullo de 2025.

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Bea Rey visitaron esta mañá o barrio da Parda para denunciar o reiterado incumprimento de promesas electorais e acordos plenarios por parte do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores.

O PP de Pontevedra advertiu que, malia ser unha das zonas que máis medra en número de habitantes, o barrio segue carecendo de servizos básicos de calidade. A mobilidade universal non está garantida e os déficits en accesibilidade e mantemento confirman, segundo Rey, “o abandono crónico da Parda por parte dun Goberno local que se lle enche a boca falando de modelo de cidade mentres esquece por completo aos seus barrios”.

Entre as principais carencias denunciadas, a concelleira popular reclamou a creación dun gran aparcadoiro público na contorna do centro de saúde da Parda: “O que fai o BNG é pintar máis liñas amarelas en lugar de ofrecer solucións reais aos problemas de estacionamento que padecen os veciños e visitantes”.

Outra das preocupacións do PP de Pontevedra son os parques infantís. Os populares facilitaron a aprobación dunha modificación de crédito na que se incluía, a petición de Domínguez, a reparación do parque infantil dos Xulgados da Parda. “Lonxe de mellorar a zona de xogos, hai sinais de deterioro evidentes como a ausencia incluso de bambáns e o chan desfeito”, sinalaron tras visitar a zona.

Tamén permanecen sen executar outras promesas de hai anos, como a reforma das pistas e da área infantil de Maruxa Maio, anunciada en 2021 cun investimento de 700.000 euros, ou a mellora do parque de Pintor Laxeiro, comprometida por 200.000 euros pero sen ningún avance real.

Para os populares, o exemplo máis evidente da inacción do Goberno nacionalista é o pavillón municipal da Parda. Trátase dunha promesa que Lores repite en cada campaña electoral á alcaldía, pero que nunca se materializa. O grupo municipal do PP levou este ano unha moción ao Pleno para que se retome o proxecto, pero desconfían de que se cumpra despois de tantos anos de engano.

No ámbito da mobilidade e accesibilidade, Rey destacou o perigo viario da rúa das Pereiras ou de Pedra do Lagarto, onde os peóns se ven obrigados a camiñar pola calzada, ao igual que os vehículos, pola falta de itinerarios peonís seguros. E nas que hai beirarrúas, como na rúa Abundancia, a maleza das árbores invade a zona de paso.

Por último, o PP reiterou a demanda de instalar unha marquesiña na parada de autobús do Conservatorio, renovar o mobiliario urbano deteriorado con bancos e papeleiras rotas e acometer a humanización da contorna da capela de San Amaro, así como o arranxo do cemiterio municipal.

“En definitiva, esiximos ao Goberno de Lores que deixe de facer promesas baleiras e dote á Parda dos servizos e investimentos que merece un dos barrios fundamentais para o crecemento e a expansión de Pontevedra”, concluíu Rey.