O PP de Pontevedra denuncia a grave irresponsabilidade do Goberno cos preto de 17.000 asegurados de Muface na provincia e alerta do impacto que suporía a súa integración no Sergas

Pontevedra, 12 de decembro de 2024

Os deputados e senadores nacionais do PP de Pontevedra denuncian a grave irresponsabilidade do Goberno cos preto dos 17.000 asegurados de Muface que hai na actualidade na provincia e alertan do impacto que suporía a súa integración no Servizo Galego de Sáude, que suporía un incremento entre un 2 e un 3% da actividade asistencial.

A provincia de Pontevedra conta con 16.957 persoas aseguradas en Muface, das cales 7.315 corresponden á área sanitaria de Pontevedra-Salnés e 9.642 á área sanitaria de Vigo, e dos cales máis de 6.300 teñen máis de 65 anos, o que conleva que precisen maior asistencia sanitaria e farmacéutica.

“Están poñendo en perigo a saturación do sistema público e a ampliación das listas de espera, xa que na área sanitaria de Pontevedra-Salnés subirían as listas en 10 días e na área sanitaria de Vigo en preto de 15 días, tendo en conta, ademais a escaseza de médicos”, lamentou Irene Garrido.

“Isto é unha grave responsabilidade, tanto para a cobertura sanitaria dos afiliados a Muface, como para as arcas autonómicas, xa que a súa integración no Sergas suporía un aumento da actividade asistencial e a necesidade de incrementar recursos e persoal, cun aumento do custo de case 170 M€ cada ano, o aumento en 11,4 días a lista de espera cirúrxica e en 4,3 días a de consulta co especialista en Galicia. Alerta que na área sanitaria de Pontevedra-Salnés subirían as listas de espera de consultas a 10 días e na área sanitaria de Vigo en preto de 15 días”, subliñaron.

Dende o PP de Pontevedra demandan ao Estado máis información, planificación e coordinación, e solicitan que esta posible incorporación destes mutualistas se realice de xeito progresivo e escolanado para non colapsar algúns servizos, e agradecen a anticipación da Xunta á súa posible integración na sanidade pública galega.

Irene Garrido indicou que dende o PP exixen ao Goberno central que deixe xa de sabotear un sistema que ofrece asistencia sanitaria en Galicia a un total de 58.000 persoas, e amosan o seu compromiso coa defensa e a continuidade deste modelo e insta ao Estado a que solucione xa o problema que está xerando a todos os pacientes de Muface.

Ademais, a deputada nacional subliñou que o Sergas non conta coa historía clínica destas 17.000 persoas, xa que Muface non conta cunha historia clínica equiparable ao Ianus do Servizo Galego de Saúde e para evitar esta situación sería necesario incorporar os últimos cinco anos da historia clínica dos pacientes de Muface nos sistemas de información do Sergas