O PP de Pontecesures reitera a improvisación da alcaldesa na licitación da recollida de lixo, xa que non estará funcionando antes de final de ano, e acúsaa de agocha a suba das taxas

Pontecesures, 30 de setembro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de reiterar a improvisación da alcaldesa, Maite Tocino, no que se refire á licitación e implantación dun novo servizo de recollida de lixo, xa que advertíu de que non estará funcionando antes de final de ano, que é cando vence definitivamente a prórroga do actual sistema provisional, polo que lamentou que a rexedora, ante a grave situación, “se limite a ofrecerlle aos veciños palabras baleiras, cero solucións e críticas á oposición”. Ademais, tamén a acusou de seguir agochando o custe final do novo servizo e a máis que presumible forte suba das taxas con excusas peregrinas.

O voceiro municipal, Manuel Vidal Seage, lamentou que a rexedora “se estea a rir dos cesureños” afirmando que un contrato destas características non se improvisa, “xa que dá a sensación de todo o contrario, porque xa imos ao límite do tempo e estase comportando máis como un estudante que deixa todo para a noite antes do exame, que é precisamente no que consiste a improvisación”. Neste senso, lembrou que o servizo provisional é improrrogable máis alá do 31 de decemebro e expresou as súas dúbidas de que, en só tres meses, se poida proceder á licitación, resolución, adxudicación e formalización do contrato, cos seus correspondentes prazos legais, e á posta en marcha do novo servizo.

“En Pontecesures precisamos solucións rápidas e eficaces, que é algo do que levamos adoecendo todo o mandato, pero este caso é especialmente grave posto que afecta a un servizo básico e esencial que está a ser pesimamente xestionado pola alcaldesa”, aseverou o edil popular.

Respecto ás acusacións da rexedora sobre a inacción neste asunto nos sete anos de goberno do PP, Vidal Seage aclaroulle que, malia estar contra o modelo de tratamento do lixo da Mancomunidade do Barbanza, “non había os enormes problemas que hai agora, polo que non era preciso facer ningún cambio” e exemplificou esta situación en que, daquela, o goberno local sufragaba o servizo con arredor de 15.000 euros mensuais, mentres que na actualidade, coa xestión de Maite Tocino, o custo case se triplicou roldando os 40.000 euros, “polo que todo acabará nunha forte suba de taxas que a alcaldesa se nega a admitir ante a cidadanía”.

Ademais, advertiulle á alcaldesa que a súa intención de xudicializar a reclamación económica que lle fai a Mancomunidade “pode saír ben, e estamos de acordo en que trate de evitarlle máis prexuízos aos cesureños, ou pode saír mal, co cal o único que estaría facendo sería aprazar o problema e aumentar a factura final”.

Finalmente, lamentou a “desfachatez” da rexedora nacionalista excusándose en que o seu goberno non creou o problema coa recollida do lixo, porque lembrou que esta grave situación do servizo en Pontecesures “foi xerada exclusivamente polo seu partido, o BNG, cando nos meteu na Mancomunidade do Barbanza no ano 2005 simplemente por sectarismo ideolóxico e por non admitir que Sogama é o que mellor funciona, pero o Bloque tenlle xenreira porque foi o sistema implementado polo PP desde a Xunta”.