O PP de Pontecesures presenta alegacións contra a ordenanza de edificacións en ruína, xa que sostén que as vendas forzosas polo Concello atentan contra a propiedade privada
Pontecesures, 25 de abril de 2026.-
O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de presentar alegacións contra a ordenanza de solares e edificacións en ruína, aprobada en pleno por BNG e PSOE, co obxectivo de acadar a súa revogación, posto que percibe moitas eivas e ilegalidades na mesma, destacando que as vendas forzosas destes bens impulsadas polo Concello atentan directamente contra a propiedade privada.
Os populares cren que esta normativa municipal vulnera dereitos fundamentais, carece de garantías xurídicas e invade competencias, principalmente porque permite a venda obrigada dos inmobles e parcelas que o Concello considere que están en ruínas sen buscar nin afondar en alternativas menos gravosas. E todo isto, sen a elaboración dun estudo nin dispoñer de datos fiables que avalen que sexa unha medida eficaz para mellorar a imaxe e a seguridade da vila ou para reactivar o mercado da vivenda.
Ademais, desde o PP local laméntase que esta regulamentación deixaría aos posibles veciños afectados sen unha compensación xusta polos seus bens, xa que recolle rebaixas de ata o 25% nas poxas dos mesmos e tamén descontos polas multas pendentes, unhas cuestións que xa foron advertidas como anómalas polo Tribunal Constitucional (TC) en casos similares.
O voceiro popular, Manuel Vidal Seage, advertíu tamén doutras eivas importantes nesta ordenanza, como o insuficiente prazo de audiencia aos afectados, de só 10 días, ante un posible caso, “que como todo o mundo entende é pírrico para unha cuestión da importancia de quitarlle unha propiedade a unha persoa”, ou a retroactividade na aplicación desta lei municipal aos expedientes que xa estean abertos, “o que deixa nunha absoluta indefensión aos propietarios”.
Para o concelleiro do PP, esta ordenanza é un ataque directo contra os cesureños dun xeito ilegal e desproporcionado: “Está mal feita, é ineficiente, os criterios son indeterminados e carece de memoria económica, polo que estamos ante outro sensentido máis do bipartito, que non entende que a propiedade priavda non é un capricho municipal”.
Manuel Vidal Seage anunciou que a súa formación tentará revogar esta ordenanza, a través destas alegacións, ante o pleno da corporación e incluso posteriormente ante a Xustiza se persisten as intencións de BNG e PSOE, “posto que converte aos cidadáns en reféns do Concello”. Ademais, avogou porque o Concello aposte por axudas, ben directas ben doutras administracións, para a rehabilitación ou por outras medidas propositivas para estes bens “no canto de ameazar aos cesureños”.