O PP de Pontecesures lamenta o “novo episodio de incapacidade” do bipartito pola supresión da Ruta de Tapas de Matanza e critica que se perda outra oportunidade de dinamización económica

Pontecesures, 15 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de lamentar o “novo episodio de incapacidade” do bipartito encabezado pola nacionalista Maite Tocino tras o anuncio oficial de supresión da Ruta de Tapas de Matanza, que nesta ocasión debería celebrar a súa quinta edición e que non se celebrará por non alcanza, segundo o goberno local, a cifra mínima de locais participantes. Para os populares, esta situación é unha auténtica mágoa, posto que se perde outra oportunidade máis de dinamización económica e social da vila.

“Temos un goberno que califica de fracaso unha iniciativa coma esta cando desde o anterior executivo do PP conseguimos que participaran dez locais, que a califica de éxito cando o pasado ano apenas reuniron a cinco e que se agocha en excusas cando non é capaz de atraer nin sequera a esta cifra de hostaleiros para esta edición falando da falta de persoal”, detallou o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage, que lamentou esta nova actividade cancelada posto que atraia moita xente á vila, sacaba aos veciños á rúa e xeraba un importante volume de negocio para o sector hostaleiro.

Así mesmo, o concelleiro popular engadiu que, no caso que os establecementos tivesen o antedito problema de carencia de traballadores, un goberno local con liderado, dinamismo e capacidade “ten de sobra alternativas para organizar un programa paralelo, con showcookings ou  outras actividades de rúa, para que esta exaltación gastronómica da matanza non se perdese agora que comezaba a arraigarse en Pontecesures e para que a vila vivise un bo momento social e económico”

Manuel Vidal Seage lembrou que o propio executido admitíu que esta cita culinaria cos produtos do porco sempre funcionou moi ben e incluso salientou que o pasado ano se serviron 2.000 racións, “polo que non se entende que desistiran tan fácil buscando alternativas que, ao final, repercutirían positivamente no sector hostaleiro e no propio comercio porque habería máis xente nas rúas”.

O voceiro do PP engadíu ademais que “chove sobre mollado”, posto que este episodio de ineficacia dalle continuidade á supresión, hai algúns meses, da anterior edición da Festa da Lamprea, “polo que estamos ante unha nova oportunidade perdida e un paso máis no esmorecemento da vila ao que nos está levando este bipartito que, ao final, vai acabar cos nosos bares, cafeterías e restaurantes”.

“Estamos deixando sen referencias no sector hostaleiro e gastronómico e iso, a medio prazo, imos acabalo pagando”, advertíu, antes de apostillar que “por unhas razóns ou outras, ben por incapacidade ben por falta de traballo, están acabando absolutamente con todo nun proceso dacabalo entre a demolición controlada de todo o que xurdira dos gobernos do PP e do deterioro e a degradación da vida municipal causada por un goberno que nin lidera nin xestiona”.