O PP de Pontecesures lamenta a permisividade do bipartito para xerar un problema cos bolardos da N-550 e a súa ineficacia para sacar adiante o proxecto do Náutico

Pontecesures, 1 de febreiro de 2025
O grupo municipal do PP de Pontecesures lamentou a xestión do goberno bipartito, co gallo do derradeiro pleno municipal correspondente ao mes de xaneiro, xa que considera que actuou con permisividade e contra os intereses da veciñanza na actuación consistente na instalación de bolardos na estrada N-550 ao seu paso pola vila e que está amosar unha absoluta ineficacia para sacar adiante o proxecto de ampliación e modernización do Clube Náutico.
O voceiro popular, Manuel Vidal Seage, levou a pleno o forte malestar dos cesureños co resultado da obra de “suposta mellora da seguridade viaria” na Nacional a través dunha batería de preguntas na que se interesou polo traballo realizado polo goberno municipal para impedir os efectos lesivos desta actuación e na que lamentou que, nin por parte do Concello nin por parte do Goberno de España, se consensuara cos veciños.
Vidal Seage non entende tampouco porque a rexedora califica a obra de “desastre”, agás no treito de Novo Núñez, sen facer nada por remedialo e, ante as súas xustificacións de que chamou diariamente e se interesou polo desenvolvemento da obra, salientou que “iso demostra a súa nula capacidade de xestión e a súa febleza política malia contar de muleta do goberno a un concelleiro socialista do mesmo partido que o Goberno de España”.
Club Náutico
Por outra banda, o voceiro do PP tamén se interesou polo proxecto de ampliación e modernización do Club Náutico para coñecer se seguía vixente o compromiso de cofinanciamento por parte da Xunta e cal era o seu estado actual tras non rexistrar un só avance en case dous anos de mandato municipal.
Ante as respostas da alcaldesa de que está redactando un novo proxecto “máis austero”, o edil popular advertíu das incongruencias de Maite Tocino, xa que no mesmo pleno, nun momento posterior, admitíu que a redacción non está contratada e que se está perfilando e tampouco respondeu a se incluirá o acondicionamento do espazo exterior.
“Non entendemos que un gabinete de arquitectura vaia a unha reunión sen estar contratado agás que haxa algo raro por aí, pero en todo caso, o que máis lamentamos é que levemos 20 meses de mandato municipal e o único que se fixera neste proxecto tan importante fora desbotar todo o traballo anterior e non rexistrar nin un só avance”, concluíu Vidal Seage