O PP de Pontecesures esixe planificación e transparencia sobre o modelo de recollida de lixo para garantir o servizo ante os titubeos da alcaldesa fronte á crise da mancomunidade

Pontecesures, 14 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de esixir planificación e transparencia ao goberno local de Maite Tocino sobre o futuro modelo de recollida de lixo do Concello para garantir este servizo básico e municipal, xa que cre que a alcaldesa está inmersa en excesivos titubeos fronte á constatada crise da Mancomunidade do Barbanza, que é a prestadora destas actuacións.

“Entendemos que a rexedora está nunha situación moi complicada porque, en primeiro lugar, ten que recoñecer que o modelo do BNG no Barbanza, alternativo a Sogama e no que nos embarcaron aos cesureños hai vinte anos, é un absoluto fracaso, algo que non nos estrana dada a habitual e nefasta capacidade de xestión dos nacionalistas. E en segundo lugar, ten que admitir que non lle queda outra que recurrir a Sogama, aínda que se lle levanten ronchas, porque é a solución máis capaz e eficiente, pero aos veciños non lle importan os problemas do Bloque, senón solucións para que lles recollan o lixo”, manifestou o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage.

Por iso, o concelleiro do PP cre que chegou o momento das decisións firmes e pensadas a prol dos veciños, porque máis alá de que en principio o servizo está garantido grazas ao rescate de Sogama e de que está empresa dependente da Xunta “nunca vai deixar tirada á xente”, a alcaldesa terá que decidir o xeito e as consecuencias de romper coa Mancomunidade do Barbanza e cal quere que sexa o modelo de futuro para a recollida e tratamento do lixo. Para isto último, pedímoslle que, a diferenza do “embarque” no que nos meteu o BNG hai vinte anos, busque unha solución consensuada con todos os grupos municipais.

Ademais do modelo futuro, que Vidal Seage cre que debe pasar inevitablemente por Sogama ante as fallidas solucións alternativas da esquerda, o edil popular tamén cre que a alcaldesa debe abordar e informar sobre o futuro das taxas, cifradas en 56 euros anuais no caso das vivendas, “xa que nos tememos que emprenda unha ‘blocallada’, como estamos a ver nos seus concellos, e en vez de facer unha actualización que poderíamos entender como razoable, tente impoñer un sablazo”. Así mesmo, o edil popular tamén demanda información sobre a posible débeda coa entidade xestora do Barbanza e os custes do abandono deste servizo, posto que considera que terá que defender os intereses do Concello para non asumir indemnizacións que poidan ser moi lesivas para as arcas municipais.

O voceiro do PP revelou que o futuro da recollida do lixo de Pontecesures está claro que non pasa pola Mancomunidade do Barbanza, xa que hai un informe do Consello de Contas que é “demoledor” sobre a inviabilidade da planta e a ilegalidade do modelo de tratamento húmidoseco. Dito documento evidencia as moitas carencias deste servizo, xa que sinala que está tensionado ata o límito, cunha gobernanza feble, risco financeiro e incumprimentos normativos.

Así, óperase sen contrato desde outubro de 2023, arrastra unha débeda global de case 24 millóns de euros, ten a capacidade de 15.000 toneladas desbordada por riba do dobre de residuos, faltan investimentos para a actualización da planta e do sistema, existen problemas legais coas figuras de concellos adheridos e clientes e os custes están totalmente disparados.

“A isto nos levou o BNG e disto terán que sacarnos, pero deben saber que poden contar co PP, se queren e non lles causa moito desacougo, posto que somos un partido responsable e entendemos perfectamente que estamos ante un servizo básico que os cesureños teñen que recibir nas mellores condicións”, concluíu.