O PP de Pontecesures denuncia que a obra da rúa Carlos Maside acumula meses de retraso sobre o prazo inicial tras sumar a súa terceira prórroga
Pontecesures, 20 de xuño de 2026.-
O grupo municipal do PP de Pontecesures denuncia que as obras de «Reordenación Funcional e Material da Rúa Carlos Maside» acumulan xa unha terceira prórroga, cando o proxecto debería estar rematado dende hai meses. E ademais lamenta que goberno local de Maite Tocino segue sen dar explicacións claras á veciñanza sobre cándo finalizará unha actuación que leva meses convertendo esta rúa nun foco permanente de molestias, cortes e incerteza.
Un dos proxectos máis ambiciosos do goberno de Maite Tocino para este ano, cun custe de 435.000€ financiados integramente pola Deputación de Pontevedra, iniciaba a licitación en setembro do ano pasado e fixaba un prazo de execución de catro meses. Hoxe, meses despois da data prevista para o seu remate, a rúa segue sen reordenarse e os veciños continuan a sufrir as consecuencias dunha xestión municipal incapaz de pechar en tempo razoable unha obra de magnitude modesta.
Os populares cesureños apostillaron que cada prórroga concedida significa máis semanas de incomodidades para veciños e comercios da zona con accesos cortados, ruído, pó e unha imaxe de deixadez que en nada axuda a un espazo tan transitado polo conxunto da veciñanza.
Unha sucesión de xustificacións, non de solucións
A formación liderada por Manuel Vidal Seage acusa ao goberno local de ir cambiando de argumento conforme avanzaban os meses. Primeiro atribuíuse o atraso ao mal tempo. Despois, a dificultades na coordinación coa compañía eléctrica para o soterramento das liñas. Máis tarde, á presenza de auga procedente dos regatos da zona e a canalizacións superpostas no subsolo.
O voceiro municipal do PP considera que resulta especialmente revelador que o propio proxecto, aprobado polo goberno de Maite Tocino, estimase innecesaria a realización dun estudo xeotécnico previo, que é precisamente a ferramenta técnica chamada a detectar e anticipar problemas, como a abundante presenza de auga á que se invoca para xustificar unha nova prórroga, polo que o que se presenta como imprevisto era, en realidade, previsible dende a propia redacción do proxecto.
A iso, Manue Vidal Seage suma unha planificación do prazo cando menos chamativa, xa que programar o inicio dunha obra con zanxas e traballos de pavimentación en pleno inverno, cun prazo de execución de só catro meses, é unha decisión que calquera xestor responsable tería evitado.
Un patrón que se repite
Dende o PP de Pontecesures vense advertindo de forma reiterada que esta obra non é un caso illado, senón parte dun patrón de atrasos sistemáticos que afecta a varias actuacións do goberno local, xa que unha alcaldesa que acumula prórrogas en lugar de obras rematadas non pode seguir escudándose en imprevistos cando boa parte destes problemas eran perfectamente previsibles e o goberno municipal non soubo, ou non quixo, anticipalos.
«Os veciños da Rúa Carlos Maside levan meses agardando que esta obra remate. Maite Tocino debe deixar de acumular prórrogas e empezar a dar respostas», afirmou o voceiro popular.