O PP de Pontecesures denuncia o agravamento dos problemas no río Ulla polo abandono das redes de abastecemento e saneamento a mans do goberno bipartito
Pontecesures, 6 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de denunciar o agravamento e o mal estado do río Ulla ao seu paso polo concello froito das constantes verteduras contaminantes mentres o caudal subministrado pola rede municipal de auga ten perdas do 60% e que o goberno bipartito non faga absolutamente nada para conter ou reverter esta situación tras non investir nin un só euro nesta materia nos seus tres anos de mandato.
“Non estamos ante un problema novo nin ante un problema sen solución. O anterior goberno popular deixou un camiño trazado a base de convenios asinados coa Xunta e con Augas de Galicia para melloras na depuradora e os bombeos do Telleiro, a eliminación de puntos de vertedura na zona portuaria,a limpeza do rego de Condide e un plan integral para preservar o medio ambiente fluvial e garantir o uso deportivo e pesqueiro do río. Tiñamos proxectos financiados, plans redactados e convenios vixentes que están oportuna e incomprensiblemente gardados nun caixón por parte de Maite Tocino”, lamentou o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage.
O concelleiro popular advertíu de que a estratexia do bipartito centrouse en desbotar todo o traballo previo para poñerlle o seu sello co encargo dunha nova auditoría, á que se destinaron 6.171 euros, que chegou ás mesmas conclusións de que o 61,5% da auga dos depósitos de Condide –uns 366.000 litros anuais– teñen destino descoñecido. Por iso, este novo informe propoñía unha ducia de actuacións nun prazo de catro anos cun investimento de 176.500 euros, pero quince meses despois o goberno non executou ningunha malia a súa perentoria necesidade e urxencia.
Manuel Vidal Seage, que lembrou a importancia do Ulla para Pontecesures por ser o seu maior activo natural, patrimonial e económico, salientou que outros municipios, como Vilaboa, Salceda ou Tomiño, entenderon que a colaboración institucional era a mellor vía para resolver problemas destas características “e demostraron que é posible actuar e que o coidado dos nosos ríos non entende nin de cores políticas nin de cálculos electorais”.
“Non é admisible que, despois de tres anos de mandato, o goberno cesureño siga escudándose en excusas vagas e en auditorías que el mesmo financia para non facer nada co que atopan. Non é admisible que os proxectos financiados pola Xunta para mellorar o saneamento sigan bloqueados por razóns que non son técnicas nin económicas, senón puramente políticas. E non é admisible que os veciños de Pontecesures paguen con degradación ambiental e perda de recursos hídricos o prezo dunha xestión municipal que antepón as cuestións paganas á resolución dos problemas reais”, laiouse o concelleiro popular sobre a desidia e abandono do bipartito con respecto ao río.
Finalmente, lembrou que o Ulla non só é un recurso natural, senón que forma parte da identidade de Pontecesures, é un espazo de lecer para a veciñanza e o hábitat que sostén a pesca e o deporte fluvial, pero lamentablemente reciba cada vez con máis frecuencia as verteduras dunha rede de saneamento deteriorada sen que o goberno de Maite Tocino faga absolutamente nada. “Cada episodio de contaminación non corrixido é un dano ao ecosistema, pero tamén é un fracaso colectivo que o goberno local ten a obrigación de evitar”, concluíu.