O PP de Pontecesures denuncia a parálise do bipartito na loita contra as verteduras contaminantes no Ulla e para a contención da perda do 60% da auga subministrada

Pontecesures, 10 de xaneiro de 2026

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de denunciar a absoluta parálise do bipartito encabezado por Maite Tocino na loita contra as verteduras contaminantes no río Ulla ao seu paso polo concello e tamén na adopción de medidas de contención para evitar a perda de máis do 60% da auga subministrada. Ante esta situación, reclámalle ao executivo local que actúe de inmediato activando os proxectos e convenios asinados polo anterior goberno popular que incluían obras en materia de abastecemento e saneamento.

Neste senso, a formación liderada por Manuel Vidal Seage revelou que o Concello ten bloqueadas todas estas iniciativas e non investíu nin un só euro nesta materia nos case 1.000 días do presente mandato malia que a situación é “crítica” con episodios de contaminación cada vez máis recurrentes sobre o río e cunha perda de recursos hídricos da rede municipal totalmente inasumibles.

“Temos preguntado en varias ocasións ao longo deste mandato polo inicio destas obras que ademais estarían financiadas pola Xunta, pero o goberno escúdase en excusas vagas e retrasos interminables que enmarcamos na súa política de laminar todo o feito polo PP, pero a realidade é teimuda e Pontecesures ten un grave problema co sanamento e co abastecemento que se acrecentou moito nestes tres anos nos que estiveron cos brazos cruzados”, sinalou o concelleiro popular.

Vidal Seage desvelou que os anteriores estudos foron desbotados e o goberno encargou unha nova auditoría, “con selo marcadamente nacionalista” e cun custe de 6.171 euros, que confirmou que o 61,5% da auga dos depósitos de Condide ten un destino descoñecido, o que supón a cifra de 366.000 litros anuais. Ademais, o citado documento, na liña do xestionado polo PP, propoñía unha ducia de actuacións en catro anos cun investimento de 176.500 euros, pero non se fixo ningunha nos quince meses desde que se entregou a auditoría.

Fronte a este abandono absoluto de dous servizos municipais básicos, o edil do PP lembrou que o anterior executivo asinou un convenio coa Xunta para a mellora de ambas redes con obras na zona portuaria que permitíu eliminar puntos de vertedura, acadou a redacción dun plan co Goberno galego para frear estes episodios e favorecer o coidado do medio e ambiente e a práctica da pesca e de deporte no río e, xa en 2022, asinou cun convenio con Augas de Galicia para mellorar a depuradora e os bombeos do Telleiro ademais de incluír obras en diversos puntos da vila e a limpeza do rego de Condide.