O PP de Pontecesures denuncia a intensificación da “parálise e abandono” do Concello tras desbotar as axudas do GDR e obviar o Día do Mercado para potenciar a Praza

Pontecesures, 6 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de denunciar a intensificación da “parálise e abandono” do Concello pola nula xestión do goberno bipartito despois de que desbotara concorrer á convocatoria de axudas de Agader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla-Umia e de que obviara por completo a celebración do Día do Mercado para potenciar a Praza de Abastos e apoiar ao comercio local.

Os populares concretaron que o prazo de presentación de proxectos aos fondos do GDR rematou sen que o Concello presentara ningunha iniciativa subvencionable, “o que demostra a súa falta absoluta de ideas e iniciativas, como se lle sobraran os cartos para dotar aos veciños das infraestruturas e servizos que merecen, ou ben que non lles gusta que a presidencia desta entidade sexa desempeñada polo anterior rexedor local no marco da súa política de escapar de todo aquelo que poida ter a pegada do PP aínda que elo prexudique aos cesureños”.

O PP de Pontecesures lembrou que estas axudas do GDR, que financian ata o 90% das actuacións cos conseguintes beneficios para as arcas municipais, “foron moi aproveitadas” polo anterior executivo local e enumerou a reforma dos vestiarios do antigo campo de fútbol, o panel dixital da praza do coche de pedra ou o escenario polivalente da Plazuela, entre outros.

Os populares tamén lamentaron que o pasado 31 de maio se celebrara o Día do Mercado en toda Galicia, impulsado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta, e non se fixese ningunha medida de posta en valor da Praza de Abastos, como si fixo o anterior goberno municipal. Así, criticaron que non houbese produtos do propio espazo nin de procedencia local, “polo que Pontecesures tivo un Día de Mercado sen mercado no marco do desleixo e desconexión do bipartito co noso comercio local”.

“Se a estes dous casos lle engadimos a súa renuncia expresa a acometer neste mandato a necesaria ampliación e reforma do Náutico, falamos de tres grandes oportunidades perdidas en seis días para dinamizar e impulsar a vila, o que semella máis unha mala adaptación da traxedia de Romeo e Xulieta, na que houbo tres mortes neste mesmo lapso de tempo, que unha xestión responsable dun goberno que cada día está máis desaparecido e que xa nin se preocupa de aparentar e vender fume, que foi o único que fixo nos dous primeiros anos”, manifestou o voceiro popular, Manuel Vidal Seage.

O concelleiro do PP cre que Pontecesures “merece un goberno que defenda os intereses dos veciños, que aproveite as oportunidades e que poña en valor os recursos locais, pero por desgraza vivimos e padecemos o contrario, que é algo que todos nos temíamos cando se artellou un bipartito entre dous partidos que perderon as eleccións”.