O PP de Pontecesures denuncia a falta dun plan serio para a recollida de lixo polos cambios de posición da alcaldesa e o forte incremento de custos que acabarán pagando os veciños

Pontecesures, 12 de setembro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures quere denunciar que o goberno de Maite Tocino está a piques de completar os catro anos de mandato sen resolver o grave problema da recollida do lixo, creado polos propios nacionalistas cando decidiron adherirse ao sistema alternativa da Mancomunidade do Barbanza, e que dita situación débese á falta dun plan serio polos continuos cambios de posición da propia rexedora.

E a todo isto engádese o forte incremento de custos ao que nos está abocando o bipartito BNG-PSOE para tentar salvar minimamente a situación, xa que na actualidade o Concello está pagando o dobre que en 2023, polo que dita situación acabará sendo solucionada cos petos dos veciños a través dunha suba da taxa agás que se lle poña remedio cun goberno alternativo do PP.

Neste senso, o PP cesureño indicou que as cifras económicas veñen reveladas polos propios decretos da Alcaldía, xa que en 2023 pagábanse 15.916 euros mensuais pola recollida para un total de 343.400 anuais incluíndo todos os conceptos, pero a cifra disparouse ata os 571.405 euros anuais en 2025. Ademais, e a falta de coñecer o montante total deste ano, o pago mensual á mancomunidade xa se sitúa en 36.986 euros mensuais, o que supón un incremento do 132% con respecto a hai tres anos.

“A factura dispárase e o goberno segue sen dar unha explicación pública e comprensible dos motivos polos que se abona esta cantidade tan esaxerada, non sabemos o que se vai pagar o que resta de ano, de onde pretenden sacar os cartos aínda que todo apunta aos veciños, iso si, sería despois das eleccións por táctica electoral, e quen vai recoller os residuos desde o 31 de decembro”, manifestou o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage.

Ademais, a situación do servizo é complexa, porque quedan menos de catro meses para que remate o prazo de continuidade da recollida, despois da prórroga concedida pola agrupación barbanzana, e o Concello de Pontecesures segue sen ter un contrato definitivo enriba da mesa.

Do rexeitamento á resignación: o cambio de chaqueta co modelo SOGAMA

Porén, para o PP o máis chamativo é a viraxe ideolóxica do propio BNG neste asunto, xa que os nacionalistas defenderon publicamente durante anos o modelo húmido-seco da planta de Servia como alternativa a Sogama, chegando a esixir a licitación desa planta antes de 2023 para garantir o seu futuro. Pero catro anos despois, e xa gobernando, é o mesmo BNG quen asina sen apenas fricción a adhesión do Concello a SOGAMA, o sistema que antes cuestionaba.

E non foi precisamente unha adhesión ben feita, porque o propio informe de Secretaría-Intervención puxo reparos formais ao convenio, porque o orzamento municipal en vigor non ten crédito para asumilo e porque o prazo de vixencia pactado, de cinco anos, incumpre o límite máximo de catro que marca a lei para este tipo de convenios.

Parches irregulares e sen solución definitiva

Cómpre lembrar que servizo da Mancomunidade rematou formalmente o 31 de marzo de 2026. Dende entón, Pontecesures vive de prórrogas transitorias con FCC que rematan, sen posibilidade de ampliación, o 31 de decembro de 2026. En vez de aproveitar estes meses para deseñar con calma unha solución definitiva, o goberno local foi tapando buracos cun informe económico externo encargado ás présas en maio para xustificar o pago sen concurso e unha nova Ordenanza de residuos aprobada en xullo de 2026 que, aínda sendo un traballo ambicioso, xa incumpre un prazo legal vencido dende abril de 2025.

“Despois de anos deste novo goberno o único que temos enriba da mesa son parches de última hora cunha adhesión a Sogama con reparos técnicos, unha ordenanza con prazos xa incumpridos e un servizo de recollida que caduca a fin de ano sen contrato novo. Non están xestionando o problema, están tratando de sobrevivir a el”, advertiu Manuel Vidal Seage.

Finalmente, desde o grupo municipal do PP esiximos á alcaldesa que deixe de improvisar cun servizo básico e esencial para toda a veciñanza, que presente dunha vez un plan serio, cos prazos e os custos claros, para a recollida do lixo en Pontecesures, e que asuma a súa responsabilidade nunha xestión que segue sen ofrecer certezas a ningún veciño.