O PP de Pontecesures cuestiona a intención do bipartito de sumarse á Rede Española de Capitais da Cultura polos seus antecedentes de absoluto abandono neste ámbito

Pontecesures, 28 de maio de 2026

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de cuestionar a intención do bipartito encabezado por Maite Tocino de sumarse á Rede Española de Capitais da Cultura proposta no derradeiro pleno, posto que considera que os seus antecedentes de absoluto abandono neste ámbito, ao longo dos tres anos de mandatos, invalidan, deslexitiman e deixan en nada dita iniciativa.

Neste senso, os populares puxeron de manifesto na citada sesión as dúbidas que xera esta medida tras comprobar que a alcaldesa foi incapaz de responder cales son as obrigas e dereitos que levan aparellada dita adhesión, chegando a afirmar que “non informaría” ata o vindeiro Pleno.

Segundo lembrou o PP, pertencer a unha rede de capitais culturais implica demostrar un compromiso real e continuado coa cultura nun territorio. E nese punto, o balance do actual goberno non resiste a comparativa. No ámbito da arquitectura e do espazo urbano, as melloras da fachada portuaria ou a rehabilitación da Rúa Estación levan o selo de gobernos anteriores do PP. A reforma integral da Plazuela, un proxecto de 590.000 euros financiado pola Deputación e pensado como referente cidadán do centro da vila, foi abandonada polo actual executivo alegando falta de fondos e incumprimento de prazos. Mentres tanto, a iluminación da escultura de Manolo Paz ou os letreiros de Mar de Santiago e do peregrino no peirao presentan un estado de neglixencia evidente unido a un proxecto dun Náutico que previsiblemente non verá a luz en esta lexislatura.

No apartado gastronómico, o goberno de BNG e PSOE prescindiu da Festa da Lamprea, un dos piares da identidade cultural cesureña, e devaluou outras coma a Festa do Churro, ademais de transformar outras celebracións tradicionais en showcookings de acceso exclusivo, substituindo as degustacións masivas por experiencias dirixidas a un público reducido, e recorrendo a restaurantes alleos no canto de potenciar os produtos da propia Praza de Abastos no Día do Mercado.

A programación cultural que o Concello anuncia na súa web depende case na totalidade de iniciativas externas ou do traballo autónomo das asociacións locais, como os festivais de corais ou o Ghaitellón, que responden á implicación da sociedade civil e non a unha política cultural municipal definida. Neste contexto, o PP tampouco esquece o gasto de 8.000 euros nun documental sobre o centenario do concello que a veciñanza aínda non conseguiu ver publicado en ningures, malia as reiteradas peticions formuladas desde o grupo popular en sucesivos plenos.

O propio centenario de Pontecesures foi, segundo o PP, un exemplo paradigmático do que non debe ser a xestión cultural pública, posto que consistíu nun conxunto de actos de escasa transcendencia e menor asistencia, onde se esqueceron as corporacións anteriores e que, en opinión dos populares, quedou reducido a un instrumento de propaganda do goberno local.

O PP de Pontecesures mantén que, antes de reclamar un recoñecemento externo, o goberno municipal debe demostrar á cidadanía un compromiso real e medible coa cultura local, coa súa identidade e co seu património. De non ser así, a adhesión á Rede Española de Capitais da Cultura non será máis ca un título baléiro.