O PP de Pontecesures critica a “inacción” do bipartito en actuacións estratéxicas ao renunciar ao proxecto de ampliación e modernización do Clube Náutico para este mandato

Pontecesures, 31 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de criticar a “absoluta inacción” do goberno bipartito para sacar adiante proxectos estratéxicos para o concello ao renunciar, de facto, a executar neste mandato o proxecto de ampliación e modernización do Clube Náutico.

Os populares indicaron que, durante os dous primeiros anos de lexislatura, o goberno sempre tentou xustificarse en que, coa suba de prezos, non tiña garantido todo o financiamento para acometer unha actuación de envergadura “como sempre defendimos desde o PP”.

Sen embargo, a formación liderada por Manuel Vidal Seage cre que estes argumentos “quedan totalmente desmontados” despois de que o goberno descartara presentarse á orde da Consellería de Presidencia da Xunta, publicada no DOG do pasado 21 de abril, referida ao Fondo de Cooperación Local (FCL) adicional, que podería dotar ao proxecto con ata 500.000 euros.

“É absolutamente incrible que pasaron do asunto, porque a orde de achegas parecía feita a medida para o Náutico, tanto pola cantidade, que era a que din que se precisaba, como por incluír as infraestruturas deportivas e valorar a singularidade do proxectos, que é algo que encaixa cunha instalación practicamente única na nosa provincia”, detallou Vidal Seage, que insistíu en que idoneidade “era tal que ata a alcaldesa admitíu que valoraron concorrer, aínda que finalmente o goberno local desistíu tras recoñecer a súa incapacidade para acometer a obra en 18 meses”.

Para o concelleiro popular, esta aseveración do executivo de Maite Tocino “deixa ben ás claras en mans de quen está o Concello”, xa que a tramitación e a obra é perfectamente executable en ano e medio sempre que haxa unha mínima capacidade de traballo e vontade para sacar adiante proxectos “sen deixar de pasar a gadaña por todo o que proceda do anterior goberno do PP”.

Vidal Seage sinalou que a renuncia aos fondos do FCL e os inexistentes movementos para acometer a remodelación do Náutico supoñen unha “claudicación” cara a posta en valor dunha instalación deportiva que é bandeira de Pontecesures e coñecida en toda Galicia, ao tempo que conta cunha importancia clara para a práctica do deporte no municipio.

Finalmente, lamentou que o clube estea en “moi mal estado” e xa presentar buratos na súa fachada e cristais rotos na zona de acopio das embarcacións e iso sen contar a necesaria modernización integral de toda a instalación. Para Vidal Seage isto débese a que van “dous anos perdidos” polo bipartito, “aínda que chegarán aos catro do mandato, xa que admitiron a súa incapacidade para facer a obra en todo este tempo ata 2027 e incluso, polas súas manifestacións, entrevese que non teñen ningunha intención de facer nada e pretenden que caia a cachos”.

Neste senso, Vidal Seage adiantou que o PP concorrerá nas eleccións municipais de 2027 co compromiso de acometer, no seguinte mandato, a modernización e ampliación do Clube Náutico.