O PP de Pontecesures critica a falta de altura institucional e o sesgo ideolóxico na celebración do centenario do Concello

Pontecesures, 17 de xaneiro de 2026.-

O grupo municipal do Partido Popular de Pontecesures lamenta que os actos conmemorativos do centenario do Concello non estiveran á altura da relevancia histórica da data e acusa ao goberno local de converter unha ocasión única nun exercicio de propaganda con marcado sesgo político.

Desde o PP destacan que o 9 de outubro, data clave para a historia de Pontecesures, debería ter sido declarado festivo local. “A ocasión merecíao, pero a realidade é que o executivo municipal deixou pasar unha oportunidade de unir ao pobo arredor dun feito histórico”, sinalan.

A formación liderada por Manuel Vidal Seage critica tamén o “escaso contido e nula participación cidadá” dun programa que, segundo apuntan, “non serviu para poñer en valor o orgullo e a identidade colectiva dos cesureños e cesureñas”. Engaden que “as rúas non amosaron a vitalidade nin o espírito de festa que unha conmemoración como esta debería inspirar”.

Outro dos aspectos que o PP considera especialmente grave foi a falta de recoñecemento ás corporacións municipais anteriores. “Durante o pleno extraordinario de outubro ninguén tivo nin unha palabra para aqueles que, ao longo dun século, entregaron tempo, traballo e familia para facer medrar Pontecesures. Dous meses despois tiveron que corrixilo ás présas, coma quen emenda un esquecemento que cheira a desprezo”, denuncian.

Respecto ao documental encargado polo Concello para conmemorar o centenario, o grupo popular subliña que “lonxe de ser unha homenaxe plural á historia de Pontecesures, converteuse nunha peza de propaganda, cunha visión parcial e ideoloxizada”. Ademais, lembran que o traballo custou preto de 8.000 euros e só se proxectou dúas veces: unha no Salón de Plenos e outra no Centro Social, anunciada con entrada gratuíta, “coma se non abondase co gasto público xa realizado”, engaden.

Desde o PP reclaman que o documental se publique integramente na web municipal “para garantir que poida ser visto por todo o pobo e non só cando a alcaldesa decida”.

“O centenario debía servir para reforzar a memoria, a unidade e o futuro de Pontecesures. Pola contra, quedou en simples tertulias, obradoiros menores e andainas simbólicas. Foi unha oportunidade perdida que, lamentablemente, tamén pasará á nosa historia”, conclúen desde o grupo popular.