O PP de Pontecesures critica a aprobación da ordenanza da recollida de lixo sen saber o sistema de xestión e advirte da “axenda oculta” do goberno para subir fortemente as taxas
Pontecesures, 19 de setembro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de denunciar que o goberno de Maite Tocino acaba de aprobar definitivamente a nova ordenanza reguladora do servizo de recollida e xestión de residuos tras a súa publicación no BOP do pasado 17 de setembro sen ter resolto o máis básico, que é a prestación do servizo a partires do 31 de decembro de 2026, data na que remata a prórroga do contrato con FCC e a Mancomunidade do Barbanza –sobre o que non hai posibilidade de ampliación– sen que exista un novo contrato definitivo enriba da mesa cando apenas quedan cen días para alcanzar ese límite.
Ademais, os populares cesureños tamén advertiron que esta normativa municipal sobre os residuos deixa ben clara a intención do executivo bipartito de subir fortemente a taxa deste servizo e acusaron á alcaldesa de tener unha “axenda oculta” sobre esta cuestión fiscal posto que, ata o momento, non informou da mesma aos veciños.
En primeiro lugar, a formación liderada por Manuel Vida Seage lamentou que un servizo tan esencial estea sostido a día de hoxe por un simple parche temporal e que ademais se fora prorrogando sen pasar polo correspondente concurso público. “Regular por decreto o futuro do lixo mentres se improvisa o presente é, cando menos, pouco serio, manifestou o voceiro municipal.
Ademais, o concelleiro popular advertiu de que, entre as medidas que inclúe a ordenanza, destaca un novo réxime de financiamento do servizo referido ás taxas que se aplicarán a veciños e negocios e no que se especifica textualmente que deberán cubrir os custos de recollida, transporte e tratamento dos residuos para conseguir que sexa financeiramente sostible. Ante esta situación, desde o PP reitérase que o goberno de Maite Tocino triplicou o custo do servizo nos últimos tres anos, xa que os pagos mensuais á Mancomunidade do Barbanza pasaron de 15.900 a 47.600 euros, “polo que a veciñanza e o comercio local deben prepararse para un incremento equivalente nas futuras facturas do lixo”.
Así mesmo, os populares lembraron que esta situación, con independencia do incremento xeralizado dos custos e dos efectos da inflación, xurde principalmente pola decisión exclusiva do BNG de Pontecesures, tomada hai anos, de adentrarse na Mancomunidade do Barbanza como sistema alternativo a Sogama malia que se vían perfectamente os graves problemas de xestión dos que agora se pagan as consecuencias.
Medidas «novidosas» que fan augas
Por outra banda, o PP de Pontecesures tamén desvelou que a nova ordenanza do lixo tamén inclúe algunhas obrigas “chamativas”, posto que son moi difíciles de cumprir na práctica.
Entre elas, figuran a obriga de levar determinados residuos a un punto limpo para a súa reciclaxe malia que Pontecesures carece de dita infraestrutura medioambiental e unha nova esixencia para a xestión dos cadáveres de mascotas, que xa non poderán ser enterradas nun terreo propio, senón que haberá que contratar a unha empresa autorizada para incineralas ou enterralas, cun custo engadido para as familias que antes non existía.
Por iso, o PP de Pontecesures quere esixir que, antes de seguir regulando obrigas para a veciñanza, o goberno local aclare como e con quen se vai prestar o servizo de lixo a partires de 2027, formalizándoo a través de procedementos de contratación pública que a lei impón e non a golpe de prórroga e decreto, e que vai pasar coas taxas municipais.