O PP de Pontecesures arremete contra o bipartito por deixar de lado os actos do 25N para toda a veciñanza e esíxelle que se implique a toda a sociedade nesta loita
Pontecesures, 26 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de arremeter contra o goberno bipartito encabezado por Maite Tocino por deixar totalmente de lado os actos do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, para toda a veciñanza, xa que suprimíu as concentracións, lecturas de manifestos e os actos transversais. Por iso, esíxelle que rectifique de inmediato e, partires deste momento, trate de implicar a toda a sociedade nesta loita contra a violencia machista.
“Noutrora, no noso concello había manifestos e actividades para todos e todas, nos que a veciñanza tomaba a palabra e o espazo para lembrar que esta loita pola erradicación da violencia sobre as mulleres é unha tarefa común e urxente, polo que o compromiso coa mesma debe ser unánime de toda a sociedade. Pero onte non houbo nada, absolutamente nada, nin actos, nin manifestos, nin participación dos veciños, nin rastro de compromiso, só silencio, un silencio tan incómodo como revelador”, lamentou o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage.
Os populares lembraron que os actos institucionais, participativos e globais de todos os veciños son “fundamentais” e deben reiterarse de xeito insistente ata que se consiga eliminar por completo a violencia machista da nosa sociedade. “É imprescindible que se lembre todos os días, e máis o 25N polo seu simbolismo, que nos atopamos nunha situación de emerxencia, xa que ademais tense demostrado que estas actividades son moi útiles, posto que está claro que temos avanzado con respecto a hai 50 ou 30 anos tratando de implicar cada día a máis cidadáns contra a violencia sobre as mulleres, polo que desde o PP de Pontecesures queremos reprochar e criticar o abandono, desleixo e pasotismo do goberno local”, advertíu o concelleiro popular.
Neste senso, desde o PP lamentaron que a programación do Concello por mor do 25N fose “moi cativa, agochada e sen abrirse por completo” á veciñanza de Pontecesures, posto que se limitou a senllas obras de teatro os días 17 e 23 e que contaron con moi pouca participación e a dous obradoiros sobre sexo e prevención de malos tratos os días 11, 17 e 25 deste mes. “Na xornada máis importante desta imprescindible loita diaria, o Concello de Pontecesures quedou satisfeito con celebrar a segunda quenda do obradoiro de sexualidade no colexio e non podemos máis que criticalo e lamentalo, porque cremos que é unha data na que, nas rúas da nosa vila, tense que escoitar alto e claro que todos estamos en contra desta execrable lacra social”, concluíu Vidal Seage.