O PP de Pontecesures apoia a consecución dos terreos de Valga no centro urbano, pero pídelle á alcaldesa que abandone o triunfalismo, xa que aínda resta moito proceso

Pontecesures, 25 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de amosar o seu apoio inquebrantable á consecución dos terreos propiedade do Concello de Valga que se atopan emprazados no centro urbano da localidade “nunha anomalía histórica que agardamos que se resolva canto antes”, pero pedíulle á alcaldesa, Maite Tocino, que abandone o triunfalismo e non dea por feita aínda a adquisición desta parcela, xa que aínda cabe posibilidade de recurso a este proceso expropiatorio e o goberno do municipio veciño anunciou publicamente de interpoñelo próximamente.

Os populares apuntaron que o Concello de Pontecesures só conta agora mesmo cunha sentenza favorable do tribunal de valoración do xustiprezo cunha taxación de 90.600 euros polos 1.200 metros do citado solar, “o cal é un paso máis dentro deste longo proceso, pero, desde logo, non é a meta que ansiamos todos os veciños”.

“Esta resolución dista bastante de ter conseguidos estes terreos, xa que o Concello de Valga dispón dun prazo de dous meses para a interposición dun recurso contencioso e, pola resistencia amosada a ceder esta propiedade durante todos estes anos, creo que sería prudente agardar un pouco, pero é moi posible, polo dito polos representantes de Valga, que o tema siga nos tribunais”, advertíu o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage, que lembrou que xa sufríu esta oposición do concello limítrofe durante os seus anos como alcalde de Pontecesures.

Así, engadíu que o ditame do xustiprezo vai acompañado dunha acta de apropiación do terreo, “pero todo está pendente de Valga e do que poida pasar nos tribunais, en caso de que recurran finalmente a esta vía”, polo que hai que seguir traballando e non dar por feito este proceso, que rematará exclusivamente cando o solar se inscriba definitivamente no Rexistro da Propiedade a nome do Concello de Pontecesures e os posibles recursos estean resoltos.

“O anterior goberno do Partido Popular iniciou o expediente en xullo do ano 2022 e é de xustiza recoñecer o esforzo do anterior goberno, aínda que sexa este o que resolva finalmente o proceso, que é algo que aínda non está claro. Todos os cesureños temos un pensamento único ao respecto dese terreno, pero non hai que poñer o carro diante dos bois porque Valga sempre se resistíu e cremos que aínda haberá que loitalo”, remarcou Manuel Vidal Seage para poñer en valor o traballo de anteriores executivos sobre este procedemento.

“Non sabemos se as présas da alcaldesa se deben á súa ansia por acadar unha determinada posta en escena e ou por forzar a situación no marco do centenario do noso Concello, pero, coa unidade de todos, cremos que hai que ser prudentes polo momento”, sinalou o voceiro popular, que explicou que, da dificultade do proceso, “dá boa conta que van 27 meses de mandato e non se puido facer dun día para outro, como case proclamaba a alcaldesa, e sospeitamos que ate que todo este proceso remate van pasar meses ou anos”.