O PP de Pontecesures alerta do “grave problema” coa recollida e tratamento de lixo pola persistencia da alcaldesa a continuar co fracasado servizo da Mancomunidade do Barbanza

Pontecesures, 13 de decembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de alertar do “grave problema” no que está inmerso o Concello con respecto ao servizo de recollida de tratamento de lixo, que se realiza desde o ano 2005, por decisión dun goberno local dirixido polo BNG, a través da planta de Lousame xestionada pola Mancomunidade do Barbanza.

“Estamos ante un modelo absolutamente fracasado, impulsado polo BNG e por forzas de esquerda na busca dunha alternativa a Sogama, pero demostrouse que é totalmente ineficiente, que ten un custe moito maior no tratamento do lixo posto que supera os 150 euros por tonelada cando Sogama está en 108 e ademais é incompatible de plano coa normativa europea”, explicou o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage, que engadíu que, por estas circunstancias, a xestión dos residuos pola Mancomunidade do Barbanza “se atopa en quebra técnica e cunhas débedas moi elevadas que agora se queren cargar aos concellos e, en consecuencia aos cidadáns”.

Neste senso, o concelleiro popular indicou que a situación do Concello de Pontecesures é de “grave risco” pola persistencia da alcaldesa, Maite Tocino, a continuar con este fracasado servizo “só pola súa teimudez a defender este modelo de lixo BNG en vez de ir pensando en saírse do mesmo e adherirse a Sogama que é o mellor para o medio ambiente e para os petos dos veciños de Pontecesures”.

O edil do PP revelou que a mancomunidade vén de ameazar ao Concello con deixar de prestar o servizo a finais deste mes, “o cal sería un auténtico drama para a nosa veciñanza” en caso de que Pontecesures non se adhira á entidade como membro de pleno dereito –actualmente só é concello cliente co servizo– “pero iso suporía sumarnos ao marrón económico, posto que teríamos que pagar un custe moito maior porque asumiríamos tamén a parte alicuota de gastos xerais da agrupación e os extraordinarios derivados da débeda coa empresa concesionaria do tratamento dos residuos”.

De feito, Manuel Vidal Seage revelou que o Concello de Pontecesures leva dous anos pagando “irregularmente” a cota como se fose membro de pleno dereito da mancomunidade sen expresar a súa disconformidade “por unha cuestión ideolóxica da alcaldesa” e advirte de que dita situación prexudica aos cesureños enormemente, posto que hai unha merma de recursos municipais por este sobrecuste e incluso podería rematar nunha forte suba das taxas.

Por iso, o voceiro do PP pedíulle ao goberno bipartito, no pleno extraordinario celebrado esta semana para abordar este asunto, que “caia do guindo” e se saia canto antes da recollida e tratamento do lixo prestado pola Mancomunidade do Barbanza “aínda que lle produza sarpullidos ter que ir a Sogama”, pero advertíu que permanecer na planta de Lousame “só nos aboca a unha desfeita no servizo e a un abismo económico nas arcas municipais”.

Neste senso, o concelleiro lembrou que o anterior goberno local do PP “xa fixera os deberes” a nivel técnico e administrativo para abandonar este fallido sistema do Barbanza e lamentou que o novo executivo local “paralizar todos os avances realizados e non culminara a operación”.