O PP de Pontecesures acusa de “pasotismo e deixación de funcións” a Maite Tocino pola desprotección do concello ao carecer de Plan Municipal de Emerxencias fronte a inundacións
Pontecesures, 4 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de acusar de “pasotismo absoluto e grave deixación de funcións” á alcaldesa, Maite Tocino, pola situación de desprotección na que ten inmerso ao concello por carecer, malia a esixencia legal da Xunta de Galicia e da Fegamp a través do Plan Especial de Protección Civil Inungal, dun Plan Municipal de Emerxencias fronte ás Inundacións.
Os populares lamentan que o Concello sexa un dos poucos da provincia de Pontevedra que, tendo a obriga de contar con este documento, careza na actualidade dun proxecto de actuación para salvagardar aos veciños, os bens e o territorio fronte ás riadas e enchentas. Neste senso, lembraron que os cesureños están sometidos a “riscos evitables” nun contexto de cambio climático que está a extremar o clima e está a agravar o caudal do río Ulla polas fortes precipitacións.
Ao respecto, o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage, revelou que o concello leva moitos meses sufrindo fortes precipitacións, desde o pasado outono, e que dita situación meteorolóxica estase a agravar nos primeiros meses do ano coa sucesiva chegada das borrascas Ingrid, Joseph e Kristin e a prevista de Leonardo para esta mesma semana. Deste xeito, indicou que, segundo os datos oficiais de Meteogalicia, o Concello de Pontecesures rexistrou 706 litros por metro cadrado nos 35 primeiros días do presente ano con picos de ata 123 litros.
“Estamos ante uns episodios históricos de choiva e a ninguén se lle escapa que Pontecesures, pola súa ubicación e por ser un concello moi marcado polo río Ulla ao ser ribeireño e acoller a súa desembocadura, é moi sensible a sufrir episodios de inundacións, riadas e enchentas, tal e como se pode apreciar pola correspondente sinalización que hai en varios puntos da vila, polo que non entendemos a absoluta desidia do goberno bipartito fronte a esta cuestión e que non teña feitos os deberes cun plan de emerxencias que recolla accións de resposta, medidas de evuación e iniciativas de protección dos veciños”, manifestou o concelleiro popular.
Manuel Vidal Seage deixou claro que estamos ante unha situación de “grave ameaza” para os cesureños, xa que ademais as previsións climatolóxicas apuntan a que seguirá habendo fortes precipitacións e borrascas atlánticas polo menos ata mediados do presente mes, o que, sen dúbida, incrementará o caudal do Ulla e o risco de inundacións. Polo tanto, o edil do PP quere esixirlle á rexedora nacionalista que o executivo bipartito elabore dito plan de inmediato para a súa aprobación en pleno e posterior homologación por parte da Comisión Galega de Protección Civil para integrarse no Platerga.
“Estamos a falar do máis importante que é a vida da xente, pero tamén do estado das súas vivendas e negocios, das rúas e equipamentos da nosa vila ou do noso territorio e das nosas zonas rurais ou periféricas, polo que non entendemos esta actitude de abandon do goberno municipal cando hai un risco evidente tan grande e cando estas situacións, tristemente, están a causar graves problemas en todo o planeta”, concluíu o voceiro popular.