O PP de Pontecesures acusa ao goberno local de “fritir a multas aos veciños” tras quintuplicar a recadación no último mentres reduce partidas clave para levar o Concello a parálise total

Pontecesures, 28 de marzo de 2026

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de acusar ao goberno local, tras a análise da Conta Xeral 2025, de levar ao Concello á parálise total por reducir as partidas económicas clave para os investimentos e a mellora do día a día da veciñanza mentres se adica a “fritir a multas de tráfico aos cesureños”, tal e como confirma que a recadación por estas sancións se multiplicase por cinco no último ano.

Os populares lamentaron que a “medida estrela” dos ingresos do goberno de Maite Tocino pase polas multas de tráfico, que pasaron de 3.062 euros en 2024 a 18.043 no pasado exercicio “sen que paralelamente se desenvolvese unha política axeitada de mobilidade e seguridade viaria, sen que se dese solución aos aparcamentos coa creación de disuasorios e sufrindo a deriva caótica da fallida reforma da N-550 e as fochancas e pésima sinalización no resto das rúas”.

Paralelamente, a formación liderada por Manuel Vidal Seage informou que está a diminuír a recadación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) derivada a pacticamente inexistente actividade construtiva e o tributo de vehículos permanece estancado “nunha clara evidencia de que a socioeconomía local está ralentizada pola xestión do BNG, porque nun concello dinámico os ingresos por estes conceptos tiñan que medrar, non pola suba dos seus importes senón por unha maior actividade e un maior número de contribuíntes”.

E a esta situación derivada do goberno nacionalista, o voceiro municipal engadiu que o Concello manifesta unha “total dependencia” das transferencias correntes da Xunta e da Deputación que, malia situarse en cifras récord, “seguen sen ser suficientes para un goberno que non sabemos en que tira estes cartos, pero que manifesta a súa incompetencia, posto que renunciou á reforma da Plazuela, a mellora do Pavillón ou a modernización do Náutico alegando falta de fondos”.

Manuel Vidal Seage lembrou que o goberno local leva dous anos sen aprobar uns orzamentos municipais o que, unido ao seu mal manexo dos fondos públicos malia que “presume dunha xestión que os cesureños non ven”, está a provocar que o presente mandato vaia ser totalmente perdido para avanzar nos proxectos estratéxicos e confirma que Pontecesures sufre un “pésimo momento”. Así, referíuse á paralización do proxecto do Náutico, a falta de avances en saneamento, as nulas solucións ao abastecemento malai rexistrarse perdas de auga nun 65% do caudal da rede, o esquecemento do proxecto de creación de solo empresarial ou as inexistentes accións en materia de vivenda, ao tempo que as obras, financiadas grazas ás achegas da Deputación, sufren interminables retrasos.