O PP de Pontecesures acusa ao goberno de levar ao Concello á “inanición” pola paralización e desplome das obras públicas tras unha caída do 73% nos investimentos deste mandato

Pontecesures, 21 de febreiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures vén de acusar ao goberno encabezado por Maite Tociño de levar ao Concello á “inanición” pola paralización e desplome das obras públicas tras unha caída do 73% nos investimentos do presente mandato en comparación co mesmo período do anterior co executivo popular de Manuel Vidal Seage.

Neste senso, os populares lamentaron a “falta de ambición, de traballo e o pasotismo” do executivo bipartito, que desplomou a licitación de obras a só 341.811 euros con fondos propios ou procedentes doutras administracións, pero cuxa contratación foi liderada polo Concello, no comezo do presente mandato fronte aos 1.267.324 euros que conseguíu xestionar o executivo do PP.

Ademais, para a formación liderada por Manuel Vidal Seage esta situación é “especialmente grave e reveladora da falta de xestión” posto que na actualidade estase nun contexto expansivo que se reflicte no incremento xeralizado das actuacións que están a emprender os concellos, posto que, só no último ano, medraron nun 55% na comarca do Ulla-Umia e por riba do 70% na veciña bisbarra do Salnés.

“Podería entenderse un retroceso se fora a tónica xeral e viviramos un momento de contracción, pero agora mesmo estamos na situación inversa, con bastantes fondos nos concellos froito do aumento da recadación fiscal e das achegas doutras administracións, principalmente a Deputación con partidas récord, polo que non entendemos que non se aproveite esta coiuntura a prol dos cesureños”, manifestou o voceiro municipal.

Así, o concelleiro do PP comparou a situación de ambos mandatos e considera que os veciños saen perdendo claramente sen practicamente investimentos, obras e melloras que incrementen a calidade de vida e os servizos públicos: “Aínda que nos quedaron cousas por rematar, porque nós somos os primeiros en autoesixirnos a nós mesmos, está claro, e así o din os datos, que vivimos anos de ‘boom’ e agora estamos en anos de ‘boh’. De ter obras en todo o concello que o BNG dicía que era un gasto excesivo, pasamos a unha versión light e descafeinada cun aforro estremo, pero a realidade é que o Bloque está a levar a Pontecesures a morrer á miñoca”.

Finalmente, Manuel Vidal Seage criticou esta dinámica, que ten totalmente paralizados e sen visos de saír adiante proxectos fundamentais como o desenvolvemento de solo industrial e a ampliación do Náutico e que tamén ten sen atender axeitadamente necesidades básicas dos veciños na mellora de pistas ou en servizos como o abastecemento e o saneamento, entre moitos outros. “Nada disto está na súa axenda mentres o Concello se conforma con ser rescatado polos fondos récord que lle achega a Deputación, pero está claro que Pontecesures e os veciños precisan máis, precisan dun goberno con iniciativa, liderado e investimentos”, concluíu.