O PP de Pontecesures acusa ao bipartito de coñecer os problemas da obra na rúa Carlos Maside polos riscos que agora se usan como excusa para xustificar as sucesivas prórrogas

Pontecesures, 18 de xullo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Pontecesures denuncia que a obra de reurbanización da rúa Carlos Maside, presentada polo bipartito de BNG e PSOE como o gran proxecto do mandato, acumula xa varias prórrogas e leva meses coa rúa aberta e sen rematar. Dende o goberno municipal xustificáronse os atrasos culpando á aparición de auga nas gabias e a complicacións coas canalizacións existentes, presentándoos como imprevistos inevitables.

Dende o Partido Popular de Pontecesures desmóntase esa versión, xa que unha análise detallada da documentación técnica do propio proxecto demostra que estes problemas xa estaban identificados antes de comezar a obra. “Non foron sorpresas. Foron riscos coñecidos e mal xestionados”, apercibíu o voceiro municipal, Manuel Vidal Seage.

Neste senso, indicou que o proxecto inclúe un apartado destinado ao estudo xeotécnico, é dicir, a análise do terreo onde se ía escavar. Pois ben, ese apartado non contén ningún estudo e unicamente recolle unha frase que di que se considera «innecesario» facelo, sen máis explicación. Todo isto nunha zona situada a escasa altura sobre o nivel do mar, pegada ao río Ulla e cos regatos da contorna confluíndo no propio ámbito da obra, polo que prever que podía aparecer auga no subsolo non requiría “unha milagre”, ironizou Vidal Seage, que cre que só esixía facer o estudo que a lei prevé e que aquí se descartou dun plumazo.

Alerta no prego e falta de solucións

Así, o voceiro popular engadíu que o propio prego de condicións da obra xa avisaba de que podía aparecer auga nas gabias durante a escavación, pero en vez de prever medios reais para sacala (bombas, sistemas de achique, unha partida económica destinada a algunha solución), o documento limítase a dicir que se resolverá «de inmediato» cando apareza. “É dicir que o problema estaba anunciado en papel, pero ninguén planificou como resolvelo. E o resultado, un ano despois, xa o coñece tristemente toda a veciñanza”, apostillou o edil do PP.

O mesmo ocorre coas canalizacións eléctricas presentadas como atranco sobrevido. O proxecto recoñece expresamente que existen liñas de media tensión soterradas na zona propiedade da compañía eléctrica. Malia sabelo, non se incluíu esa información nos planos de servizos, non se estableceu ningún protocolo de seguridade para traballar preto delas e non se coordinou previamente coa distribuidora. O que se presenta agora como un contratempo inesperado era, en realidade, información coñecida e non tratada como merecía.

A isto hai que sumarlle que o prazo de execución previsto, catro meses, nin sequera tiña en conta a meteoroloxía propia de Galicia nin as limitacións técnicas para pavimentar en inverno. Un proxecto ben feito planifica estas circunstancias; este proxecto simplemente incluíu unha cláusula xenérica para xustificar prórrogas futuras, en vez de planificar prazos reais dende o principio.

Responsabilidades políticas

Dende o PP de Pontecesures lembramos que quen encarga, revisa e aproba un proxecto antes de sacalo a licitación é o propio goberno municipal e, se as deficiencias que agora causan atrasos xa estaban escritas nese proxecto, a responsabilidade non pode recaer nunca na «mala sorte» ou nos «imprevistos», senón en quen non leu con rigor a documentación técnica, en quen non esixiu correccións antes de licitar a obra e en quen despois non fixo un seguimento serio da súa execución, é dicir, na alcaldesa Maite Tocino que, pola contra, xa nos ten acostumados a estes problemas nas obras.

“A veciñanza de Pontecesures leva meses convivindo cunha rúa aberta, cunhas beirarrúas desfeitas, con molestias diarias e sen explicacións claras. O que hoxe se coñece é que boa parte destes problemas non eran imprevisibles e estaban anunciados en letra pequena nun proxecto polo que o bipartito de BNG e PSOE pagou máis de 10.000 € para a súa redacción e que  presentou como a súa gran obra, pero que hoxe é exemplo do contrario: dun proxecto mal revisado e dunha xestión sen control”, concluíu Manuel Vidal Seage.